A Xunta abre o prazo para que a mocidade presente as súas obras na nova edición do programa Xuventude Crea

A XIII edición deste certame procura premiar a creatividade da mocidade galega a través de distintas categorías artísticas

O prazo de solicitude estará aberto ata o día 2 de outubro

Os participantes, mozos non profesionais de 16 a 30 anos, optan a premios de ata 3000 euros e á difusión da súa obra

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova convocatoria do programa Xuventude Crea, destinado a premiar a creatividade da mocidade galega en distintas categorías artísticas. A partir de mañá os mozos terán o prazo dun mes para presentar os seus proxectos a este certame que chega xa á súa XIII edición.

A convocatoria está dirixida a todas as mozas e mozos non profesionais con idades comprendidas entre os 16 e 30 anos. Os interesados en participar poden inscribirse nalgunha das 14 categorías que ten o certame: creación de videoxogos, novela curta, cociña, teatro, artes plásticas, fotografía, música, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, deseño de xoias, moda e danza moderna.

Cada unha destas especialidades contará con tres premios: o primeiro, de 3000 euros; o segundo, de 1500; e o terceiro, de 1000 euros; así como mencións de honra sen dotación económica. Ademais, desde o pasado ano incluíuse un premio especial de 1000 euros para a modalidade de música clásica dentro da especialidade de música. A obra gañadora poderá ser proposta para participar en festivais de música de Galicia así como en eventos de similares.

Como novidade, increméntanse de 6 a 8 as obras que poden chegar á fase final na especialidade de Danza Moderna; e se elimina o número máximo de integrantes dos grupos de creación de Videoxogos, ata agora de 5.

Na especialidade de teatro, ofrecerase aos gañadores a posibilidade de entrar na selección dun programa de formación e mentorizaxe para poñer en marcha unha compañía teatral.

Programa Xuventude Crea

A consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia convoca anualmente desde 2010 o programa Xuventude Crea, un certame de creadores novos que pretende estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación. Xa levan participado no programa máis de 4.400 mozos e mozas, con 3.254 obras e proxectos creativos, 540 premios repartidos e case 800.000 euros en dotacións económicas.

Xuventude Crea pretende ser un trampolín para mostrar as propostas da mocidade galega ademais de axudar economicamente. As obras e artistas máis recentes de Xuventude Crea poden consultarse no museo web do programa: www.museoxuventudecrea.gal.

Data de actualización: 01/09/2023