A avenida Rodríguez de Viguri de Santiago abrirase ao tráfico este luns, continuando os traballos de reurbanización

Restituirase a circulación desde primeira hora da mañá e continuarase cos traballos co obxectivo de rematalos no outono, grazas ao peche da circulación efectuado en agosto que permitiu un despregue maior de medios e axilizar as obras

As actuacións forman parte da remodelación desta rúa da contorna de San Caetano, cun investimento de 1,6 M€ e que permitirá dispoñer unha zona de parada de autobús, dous itinerarios para ciclistas e estacionamentos de bicicleta

A parada terá capacidade suficiente para 5 autobuses de liña regular ao mesmo tempo, dando servizo tamén aos urbanos que conectan co aeroporto e coa estación intermodal

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2023

A partir deste vindeiro luns, día 4 de setembro, reabrirase ao tráfico á avenida de Rodríguez de Viguri de Santiago, ao tempo que se continuará avanzando nas obras de reurbanización da rúa.

 

A restitución da circulación está prevista para a primeira hora do luns e faise coincidir co aumento da actividade na cidade tras o verán, tras terse avanzado de xeito significativo nos traballos durante este pasado mes de agosto, polo que a Xunta mantén a previsión de rematar a execución dos mesmos no outono. A axilización da intervención foi posible grazas ao corte de tráfico efectuado na zona, aproveitando a menor circulación na contorna de San Caetano, favorecendo o despregue de máis medios en obra.

 

As obras, cun orzamento de 1,6 M€, consisten na reorganización e reurbanización da avenida de Rodríguez de Viguri coa instalación dunha parada de intercambio modal con capacidade suficiente para dar cabida, polo menos, a cinco autobuses de liña regular ao mesmo tempo, tendo en conta que tamén se deberá dar servizo aos autobuses urbanos que conectan este punto co aeroporto e coa estación intermodal.

 

Na intervención inclúese a reorganización, ademais, dos fluxos peonís e ciclistas para dar acceso ao complexo administrativo co obxecto de minimizar as interferencias e mellorar a conexión peonil dos viaxeiros no intercambio modal.

 

Esta actuación está incluída no marco de Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 como resposta da Unión Europea á Pandemia do COVID-19 e vinculada á obras dos dous primeiros módulos do edificio administrativo Cidade San Caetano.

 

Os traballos

Tras tres meses de execución das obras, a Xunta segue avanzando na remodelación desta rúa e da contorna que acolle o actual edificio administrativo da Xunta, nos que se inclúen os traballos da disposición dunha zona de parada de autobús con marquesiñas, dous itinerarios para ciclistas e estacionamento de bicicletas.

 

De xeito máis concreto, neste momento están moi avanzados os traballos de reposición e renovación de servizos, así como a substitución de conducións de abastecemento de fibrocemento por fundición, e conformación da rede separativa.

 

Tamén están practicamente finalizados os traballos de escavación dos ocos para plantación do novo arborado, o recheo de gabias, e a cimentación dos novos refuxios que permitirán a espera dos autobuses de servizo dos traballadores públicos de San Caetano.

 

Na actualidade está conformada a explanada para pavimentación das novas beirarrúas, así como no tendido de conducións para iluminación e semaforización. Mentres, en taller estanse a fabricar os novos refuxios.

 

Cabe sinalar nas actuación realizadas a execución dun pequeno muro na marxe esquerda (en sentido ascendente) da rúa. Este muro permite independizar as obras da rúa e do edificio administrativo, e cando se remate o conxunto de actuacións desaparecerá. Tamén se executaron aquelas conducións necesarias para as acometidas do novo edificio administrativo.

Data de actualización: 01/09/2023