A Xunta salienta o papel da confraría de pescadores de Fisterra na defensa dos intereses dos profesionais do mar nos seus 100 anos de historia

Fisterra (A Coruña), 2 de setembro de 2023 O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou hoxe no acto de conmemoración do centenario da Confraría de Pescadores Nosa Señora das Areas de Fisterra, onde salientou o excelente labor que realizou esta entidade nos seus 100 anos de historia na defensa dos intereses dos profesionais do mar da zona. Neste sentido, incidiu en que as confrarías contribúen a impulsar o sector e a traballar na busca de melloras que faciliten a vida diaria dos traballadores vencellados co mar, coa actividade extractiva e cos portos.  

Por iso, o titular de Mar, que estivo acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, tendeu a man aos responsables da confraría de Fisterra e trasladoulles o compromiso da Xunta na adopción de políticas que contribúan a garantir o futuro do sector marítimo-pesqueiro galego e a superar os retos aos que se enfronta. Nesta liña, Alfonso Villares agradeceu o traballo constante e o compromiso coa xente do mar de Fisterra do actual patrón maior, José Manuel Martínez. De feito, con máis de dúas décadas á fronte da confraría, trátase do patrón maior que máis tempo ostentou o cargo -dos 16 que houbo ata agora en Fisterra- e tamén o que acumula máis anos no posto de todos os de Galicia.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 02/09/2023