A Xunta iniciará a vindeira semana novos traballos de limpeza na estrada autonómica OU-902 ao paso polos concellos do Carballiño e do Irixo

Continuarán as tarefas de acondicionamento na glorieta da OU-536, á altura do Pereiro de Aguiar

Na provincia da Coruña avanzarase nas actuacións en marcha na AG-64, nos concellos de Narón e de San Sadurniño

Tamén seguirán as limpezas na LU-540, ao paso por Viveiro, Ourol, Muras e Xermade

En Pontevedra proseguirase a traballar nas marxes da AG-56, que une Moaña e Cangas, e nas vías de altas prestacións VG-4.6 Cangas-Bueu e do Morrazo

Avanzarase, ademais, no valado perimetral no tramo da VG-4-7, entre Carril e Baión, no municipio de Vilagarcía; e nas tarefas de axardinamento na glorieta da PO-549 ao paso por Corón, en Vilanova

Estas actuacións enmárcanse no novo contrato con Seaga para o control da biomasa das marxes das vías da Xunta, cun investimento de case 3 M€ en dous anos
 

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2023

A Xunta iniciará a vindeira semana novos traballos de limpeza na estrada OU-902, ao paso polos concellos do Carballiño e do Irixo.

No marco destas intervencións, continuarán as tarefas que se están a desenvolver nas últimas semanas nas marxes das vía autonómicas das catro provincias.

Na provincia de Ourense, proseguiranse os traballos de axardinamento da glorieta situada na estrada OU-536, á altura do concello do Pereiro de Aguiar.

Na provincia da Coruña, seguirá a execución das actuacións xa en marcha na autovía autonómica AG-64, nos concellos de Narón e de San Sadurniño.

Na provincia de Lugo, continuarase coas tarefas iniciadas a finais do pasado mes de agosto na LU-540, ao paso polos municipios de Viveiro, Ourol, Muras e Xermade.

Na provincia de Pontevedra, avanzarase nas obras en execución nas marxes da AG-56, que une Moaña e Cangas; e nas vías de altas prestacións VG-4.6, que comunica os municipios de Cangas e de Bueu, e na do Morrazo (CG-4.1.), Moaña-Cangas.

Seguirán, ademais, os traballos iniciados a pasada semana de instalación de valado perimetral no tramo da vía de altas prestacións VG-4-7, entre Carril e Baión, no municipio de Vilagarcía de Arousa; e tamén proseguirán as tarefas de axardinamento na glorieta da estrada PO-549 ao paso por Corón, en Vilanova de Arousa.

Prevención e seguridade viaria

Estas intervencións están enmarcadas no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que supón un investimento de preto de 3 M€ para os dous próximos anos.

As actuacións consisten no roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas e a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas.

O Goberno galego, con este programa, segue a intensificar as súas accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/09/2023