A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou os 2,2 km de novos itinerarios executados nas marxes das vías da Xunta OU-101 e OU-150

A Xunta avanza no impulso da mobilidade sostible en Ourense co remate de dúas sendas en Montealegre e Valdorregueiro nas que investiu 1,6 M€

A senda de Montelaegre discorre pola marxe dereita da OU-101 ao longo de 1,2 km, dando continuidade á beirarrúa que xa había, e rematando na marquesiña de autobús
 

Finalizouse tamén na OU-150 en Valdorregueiro un itinerario de case 1 km que comeza no cruce coa N-525 e vai pola marxe dereita ata finalizar na ponte sobre o rego
 

Ethel Vázquez avanza o impulso en Valderrogueiro dunha pasarela peonil de 60 m para acadar un itinerario continuo a ambas as marxes da ponte sobre o rego Val dos Gozos, proxecto en supervisión e que se someterá en breve a información pública
 

Ourense, 1 de setembro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o avance da Xunta no impulso da mobilidade sostible en Ourense co remate de dúas sendas en Montealegre e Valderregueiro nas que se investiron 1,6 M€.

 

Vázquez Mourelle supervisou hoxe o resultado dos traballos que se veñen de rematar e que permiten dotar de 2,2 km de itinerarios propios para o tránsito de peóns as marxes das estradas da Xunta OU-101, en Montealegre, e na OU-150, en Valdorregueiro.

 

Tal e como detallou a conselleira, o itinerario de Montelaegre transcorre pola marxe dereita da estrada ao longo de 1,2 km, dando continuidade á beirarrúa que xa había, e rematando onde está a parada e marquesiña de autobús. Aproveitáronse os traballos para reacondicionar a beiravía, con formigón e a colocación de pretil urbano.

 

Ademais desta senda, finalizouse tamén a da OU-150 en Valdorregueiro, incluída no mesmo contrato. Nese caso é un itinerario de case 1 km que comeza no cruce coa N-525 e descorre pola marxe dereita ata finalizar na ponte sobre o rego de Valdorregueiro.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade sinalou que ambas as sendas teñen un ancho variable, cun mínimo de 1,8 metros que garante a accesibilidade. Van separadas da estrada por distintos elementos: vexetación máis bordo; bordo de sinalización; ou a combinación destes dous elementos. O bordo, ademais, vai sobreelevado sobre a vía para maior seguridade dos peóns.

 

A execución destes itinerarios complementouse con outros traballos, como a construción de 9 muros de sostemento, a mellora da drenaxe, a preinstalación de canalizacións de servizos ou o reforzo da sinalización. Tamén conta con sistemas de contención para vehículos, varandas de protección para os peóns, ademais da instalación de 8 novas marquesiñas de autobús.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade destacou a posta a disposición dos veciños destas 2 novas sendas polas que poden camiñar en condicións de seguridade, logo dun investimento da Xunta de preto de 1,6 M€.

 

Esta actuación foi financiada no marco do Eixe REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión Europea á pandemia de covid-19.

 

A conselleira avanzou que a Xunta está a impulsar un novo proxecto de senda en Valdorregueiro, que remata xusto antes da ponte sobre o rego de Val dos Gozos, para lograr un itinerario peonil continuo a ambas as marxes desa ponte.

 

Trátase de executar unha pasarela peonil duns 60 metros, pola marxe dereita, que permita esa continuidade. O proxecto está redactado e en supervisión, polo que tan pronto se remate ese trámite, someterase a información pública, xa que son precisas expropiacións.

 

A conselleira remarcou a continuidade do traballo da Xunta no obxectivo de proporcionarlles aos cidadáns de itinerarios sustentables, seguros e saudables para os seus desprazamentos do día a día, que permitiron construír nos últimos anos máis de 250 km de sendas en toda Galicia cun investimento autonómico superior aos 50 M€.

 

Ethel Vázquez incidiu en que estas 2 sendas en Montealegre e en Valdorregueiro evidencian que, tamén en Ourense, a Xunta avanza no impulso da mobilidade sostible. Así, tal e como adiantou, neste mes de setembro estarán concluídos os outros 3 novos itinerarios que se está a piques de rematar na Rabaza, en Ponte Sevilla e na avenida de Ponferrada que suman 3,5 km e 1,8 M€ de investimento.

 

A titular de Infraestruturas tamén se referiu ao próximo inicio dos traballos da gran senda que conectará a cidade de norte a Sur: na avenida das Caldas, desde a intermodal ata a Ponte Romana; e no paseo do barbaña, entre Os Remedios e Expourense.

 

A este respecto, a conselleira informou que están xa asinados os contratos, e que o obxectivo da Xunta é comezar a finais deste mes de setembro as obras na avenida das Caldas e en outubro os traballos da senda do Barbaña, para acompasalos e telos rematados a finais de 2024.

 

En total, dixo, a Xunta impulsa 11 km de sendas no concello de Ourense ás que destina un investimento que supera, con creces, os 10 M€.

 
 
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/09/2023