Os premios a boas prácticas en educación inclusiva da Xunta recoñecerán o traballo de oito centros educativos

O obxectivo é impulsar a atención á diversidade e o bo clima nas aulas poñendo en valor o labor que se desenvolve nos centros neste sentido

Haberá oito recoñecementos, dotados con ata 5.000€, e o prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 30 de setembro
 

Santiago de Compostela, 02 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia ten aberto ata o 30 de setembro o prazo para que os centros docentes públicos presenten a súa candidatura aos Premios Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2023. O obxectivo desta convocatoria é impulsar a atención á diversidade e o bo clima nas aulas poñendo en valor o labor que se está a desenvolve nos centros de ensino. Promóvese así unha escola que garanta o estímulo das capacidades de todo o alumnado e contribúa á creación de contornas e culturas inclusivas.

Poderán acadar estes recoñecementos un total de oito centros. A convocatoria establece dúas modalidades, con primeiro (dotado con 5.000€), segundo (dotado con 2.500€), terceiro premio (dotado con 1.000€) e mención de honra (dotada con 500€) en cada unha delas. A categoría A está dirixida a centros de Educación Infantil e Primaria e a B aos de ESO, Bacharelato, FP, formación de persoas adultas e Ensinanzas de Réxime Especial (deportivas, de idiomas e artísticas).

Os centros galardoados co primeiro premio recibirán o distintivo de Centro Educativo Inclusivo. Ademais, o profesorado implicado recibirá unha certificación de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e 20 horas para o profesorado participante.

As solicitudes, xunto coa documentación requirida, dirixiranse á Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e presentaranse por medios electrónicos. Para optar a estes premios, os centros interesados deberán presentar unha memoria descritiva co contexto socioeducativo do centro, as accións levadas a cabo para o fomento da inclusión educativa, a implicación da comunidade escolar e da contorna, a repercusión das actividades realizadas e a avaliación dos resultados acadados co desenvolvemento do proxecto, entre outra documentación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/09/2023