A Xunta pon en valor o papel das mulleres rurais na economía galega e na dinamización do territorio

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, participou en Navia de Suarna na inauguración da Caravana Cultural das Mulleres Rurais, referíndose a elas como “as verdadeiras protagonistas, os alicerces do noso sustento”

Organizada pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur), a iniciativa busca tecer unha rede entre todas as mulleres rurais a nivel estatal, que faga aflorar o seu coñecemento e cultura tradicional

Sandra Vázquez aproveitou para poñer en valor os convenios asinados con Fademur para facer fronte á violencia de xénero, promover o acceso das mulleres maiores de 45 anos ás bolsas de coidado profesional e impulsar a formación sobre conciliación

Navia de Suarna (Lugo), 2 de setembro de 2023 A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, participou hoxe en Navia de Suarna na inauguración da Caravana Cultural das Mulleres Rurais, organizada pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) co gallo de tecer unha rede entre todas estas mulleres a nivel estatal que faga aflorar o seu coñecemento, oficios e cultura tradicional. Alí, a secretaria xeral gabou que a iniciativa busque visibilizar e poñer en valor o papel das mulleres no rural de Galicia porque -dixo- “son as verdadeiras protagonistas, os alicerces do noso sustento”. 

Nese senso, Sandra Vázquez referiuse á relevancia das mulleres rurais na nosa economía, “moitas veces non recoñecida”, malia que o seu traballo “era e é sacar adiante a economía familiar”. Nese contexto, considerounas claves ademais na dinamización do territorio.

Como mostra do compromiso con estas mulleres, a secretaria xeral da Igualdade lembrou os convenios recentemente asinados con Fademur, seguindo a senda de apoio dos últimos anos. Así, nomeou o acordo destinado a desenvolver accións de sensibilización fronte á violencia de xénero e de apoio ás vítimas.

Ademais, a Xunta colabora por segundo ano consecutivo coas federacións de asociacións de mulleres rurais de Galicia para impulsar a acreditación profesional da experiencia laboral dunhas mil mulleres no coidado de menores de ata 16 anos. Implementaranse ademais plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade, con especial atención ás mulleres maiores de 45 anos do rural e que se teñan dedicado ao coidado de menores.

Nese senso, Sandra Vázquez amosou o seu empeño por garantirlles ás mulleres do rural “a igualdade de oportunidades” porque, segundo dixo, o “futuro do noso territorio pasa pola creación de máis oportunidades e pola mellora da situación laboral das mulleres”.

A Caravana

Navia de Suarna é a primeira parada da Caravana Cultural das Mulleres Rurais, iniciativa que se levará a cabo a nivel estatal e que despregará esta fin de semana un amplo programa de actividades que pretenden xerar debate, crear diálogo e visibilizar e poñer en valor a cultura rural, así como o papel primordial das mulleres neste ámbito.

En concreto, entre hoxe e mañá o concello lucense acollerá feiras de emprendedoras, talleres de cine ou de musicoterapia. Tamén obradoiros orientados á recuperación e transmisión de saberes tradicionais vinculados ao fiado do liño e da la, ao traballo con coiro ou ao tecido. A Caravana contará así mesmo con actuacións musicais e concluirá -mañá á tarde- cun graffiti final do proxecto “A cultura é igualdade”. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/09/2023