A Xunta impulsa accións de mellora na contorna natural de máis de 200 concellos a través do fondo de compensación ambiental

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, comprobou a dotación adquirida pola Mancomunidade Terra de Celanova ao abeiro da medida

O Goberno galego destina este ano máis de 8,2 millóns de euros ao programa a prol da protección do medio no eido local

Ao longo de 2023 a Xunta investiu máis de 27,2 millóns de euros en distintas liñas de apoio aos concellos para a execución de máis de 600 proxectos
 

Celanova (Ourense), 1 de setembro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, comprobou a dotación adquirida pola Mancomunidade Terra de Celanova no marco da convocatoria do Fondo de Compensación Ambiental en 2022 Trátase dun camión para a recollida de residuos sólidos urbanos financiado pola Xunta con 39.000 euros. Este ano o programa a prol das melloras ambientais no eido local suma un investimento superior aos 8,2 millóns de euros para apoiar accións en máis de 200 concellos.

Segundo sinalou o vicepresidente primeiro, a través do Fondo de Compensación Ambiental, fináncianse servizos municipais dedicados á protección do medio. Entre os obxectivos que deben perseguir figuran a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio.

No caso da Mancomunidade Terra de Celanova, adquiriuse un camión recolector-compactador de carga traseira, con entre 8 e 9 metros cúbicos de capacidade, para facilitar a recollida e traslado dos residuos sólidos urbanos da Merca, Cartelle, Celanova, Gomesende, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea. Trátase así de garantir a eficacia e eficiencia dun servizo ambiental básico para a veciñanza.

Canto ás axudas concedidas este ano, a mancomunidade recibiu tamén o apoio da Xunta para o funcionamento do punto limpo, con 15.000 euros. Con esta colaboración, esta unión de concellos sumará 238.785 euros en achegas do Goberno galego para accións de mellora ambiental.

Diego Calvo destacou que a meirande dos 93 concellos beneficiados na liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental son da provincia de Ourense, con 40 proxectos que suman un investimento dun millón de euros. Na Coruña houbo 19 concellos beneficiados, cun importe global de 522.000 euros, e en Lugo 18, con case 468.000 euros. En Pontevedra, 16 localidades distribúense máis de 478.000 euros.

Canto ás propostas máis presentadas, destacan as destinadas a evitar a degradación ambiental, con 47  proxectos nos que se inviste  máis dun millón de euros. Séguenlles as actuacións de eficiencia enerxética e enerxías renovables, con 35 proxectos financiados con case un millón de euros. As restantes accións divídense entre compra de vehículos con distintivo ambiental, con sete propostas que suman 204.200 euros, a utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais ou intervencións en núcleos para integrar a contorna natural, con cinco iniciativas financiadas con 159.000 euros, e unha campaña divulgativa por un importe de 33.527 euros.

Na liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, destinada a concellos con parques eólicos, os 119 municipios beneficiarios distribúense 5,7 millóns de euros. Deste total, 2,1 millóns de euros correspóndelle a 46 localidades da Coruña, 2,3 millóns a 36 de Lugo, 446.115 euros a 20 de Ourense e 736.813 euros a 17 de Pontevedra.

Máis de 27,2 millóns investidos en proxectos locais

O vicepresidente primeiro enmarcou a iniciativa no compromiso da Xunta coas administracións locais a través de distintas liñas de acción, como son as convocatorias de axudas específicas, entre as que figuran a Orde de infraestruturas de uso público o Fondo de Compensación Ambiental, e o Fondo de Cooperación Local. Así, ao longo de 2023 distribuíronse entre os concellos de Galicia máis de 27,2 millóns de euros para a execución de máis de 600 proxectos a prol de mellores infraestruturas e servizos de carácter municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/09/2023