A Xunta promove un espazo de conciliación para as familias no campionato de surf ‘Abanca Pantín Classic’

O vicepresidente primeiro visitou a rapazada que participa nas actividades organizadas polo Club Praia de Pantín co apoio do Goberno galego

A iniciativa súmase ás axudas a 14 federacións deportivas para desenvolver en Galicia a segunda edición do ‘Plan Corresponsables’, cun investimento de case 2,8M€

Diego Calvo participou tamén na entrega de trofeos deste evento deportivo de referencia internacional
 

Valdoviño (A Coruña), 3 de setembro de 2023


O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe o espazo de conciliación promovido pola Xunta no marco do campionato internacional Abanca Pantín Classic Galicia Pro en colaboración co Club Praia de Pantín. A través da iniciativa, nenos e nenas menores de 16 anos están a realizar durante esta semana obradoiros, actividades ambientais e deportivas, e xogos tradicionais e de praia, entre outras actividades.

Con esta proposta de animación sociodeportiva a Xunta promove a igualdade de oportunidades para mulleres e homes con fillos menores a cargo, habilitando servizos de coidado profesional mediante unha ampla oferta deportiva. A actuación desenvolvida no Abanca Pantín Classic forma parte do acordo co Club Praia de Pantín, que inclúe tamén actividades na cidade de Ferrol desenvolvidas en xuño e xullo, así como no marco do campionato Junior Pro Razo-Caión previstas para finais de setembro.

O acordo súmase ás axudas directas do Goberno galego a federacións deportivas para levar a cabo a segunda edición do Plan Corresponsables, que, segundo sinalou Diego Calvo, suman un investimento de case 2,8M€ -un 10% máis que o ano pasado- e se distribuirán entre 14 federacións deportivas: baloncesto, balonmán, bolos, boxeo, esgrima, fútbol, halterofilia, hóckey, loita, montañismo, piragüismo, salvamento e socorrismo, squash, surf, taekwondo, tenis, tríatlon e péntatlon moderno e vela.

Ademais, co obxectivo de achegar esta iniciativa a máis persoas, a Xunta asinou a comezos de ano coas tres universidades galegas un convenio por importe de 585.000 euros para que, ao igual que as federacións deportivas, poidan levar a cabo iniciativas de animación sociodeportiva, talleres, eventos, campionatos, exhibicións ou accións formativas.

Conciliación, deporte e emprego

O vicepresidente primeiro destacou a relevancia desta acción da Xunta a prol da conciliación da vida persoal, familiar e laboral e, ao mesmo tempo, fomentar a práctica deportiva entre a poboación máis nova. Referiuse tamén á oportunidade de emprego que representa coa contratación de persoas para dirixir as actividades.

Nesta liña, agradeceu ás federacións deportivas participantes a súa implicación e ao Club Praia de Pantín a aposta por converter un evento de referencia internacional como é o Abanca Pantín Classic Galicia Pro nun espazo de conciliación. Diego Calvo eloxiou tamén o labor da organización deste campionato anual, o máis antigo do surf español e o cuarto máis lonxevo a nivel mundial, que sitúa cada ano Galicia en capital deste deporte náutico e contribúe á súa proxección no eido do turismo deportivo.  

Tras a visita, o vicepresidente primeiro participou na entrega de trofeos do 36º campionato internacional de surf Abanca Pantín Classic Galicia Pro, incluída na World Surf League e que conta co apoio da Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/09/2023