Trenor destaca o investimento de máis de 1,1 M€ para mellorar as redes de saneamento do concello de Coirós

Gonzalo Trenor e Francisco Quintela supervisaron as obras que a Xunta de Galicia está realizando neste municipio para dotar do servizo de saneamento municipal ao núcleo da Anta

Esta nova colaboración da Xunta, súmase ás obras recollidas nun acordo anterior entre a Augas de Galicia e a entidade local para sanear os núcleos de Agra-Figueiras, en Santa Mariña de Lesa, e de Colantres e Queirís, na parroquia de San Salvador de Colantres

Coirós (A Coruña), 31 de agosto de 2023

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Coirós, Francisco Quintela, supervisaron as obras que a Xunta de Galicia está realizando neste municipio para dotar do servizo de saneamento municipal ao núcleo da Anta, nas que se está a investir preto de 330.000 euros. Este investimento únese ao recentemente finalizado de máis de 810.000 euros  para sanear os núcleos de Agra-Figueiras, en Santa Mariña de Lesa, e de Colantres e Queirís, na parroquia de San Salvador de Colantres, conectando estas novas redes de saneamento coas xa existentes.

 

“Con estas dúas obras, sinalou o delegado, reforzamos a colaboración do Goberno autonómico para axudar a este concello a prestar de xeito eficiente os seus servizos municipais”.

 

As obras en execución contemplan unha depuradora e unha rede de dous colectores que permitirá dotar de servizo de saneamento municipal aos veciños da Anta, do que carecen actualmente, e só dispoñen de fosas sépticas individuais. Os traballos contan cun prazo de execución de 3 meses, polo que se prevé que estean rematados en novembro.

 

Máis en concreto, os traballos teñen como obxectivo mellorar as condicións de salubridade deste núcleo, acometendo unha rede de 2 colectores en PVC de preto de 1 km de lonxitude con 15 pozos de rexistro. Ademais executarase unha depuradora que dará servizo a unha poboación de 50 habitantes equivalentes no ano horizonte de 2044.

 

A depuradora disporá dunha arqueta con reixa de desbaste, construída en formigón armado prefabricado con reixa manual para a separación de sólidos e finos; decantador primario; cámara de descarga; leito bacteriano; arqueta de rexistro e inspección e pozo filtrante con aliviadoiro.

 

A intervención que se está levando  a cabo enmárcase no convenio selado entre a Xunta, que executa e financia a actuación achegando o 60 % do custo; e o Concello de Coirós, que asume o 40 % do investimento restante, ademais de realizar os trámites municipais necesarios.

 

A intervención está financiada con fondos europeos no marco do eixe REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte de resposta da Unión á pandemia da covid-19.

 
 
 
 

Obra xa rematada

Esta nova colaboración da Xunta, súmase ás obras recollidas nun acordo anterior entre a Augas de Galicia e a entidade local para sanear os núcleos de Agra-Figueiras, en Santa Mariña de Lesa, e de Colantres e Queirís, na parroquia de San Salvador de Colantres, conectando estas novas redes de saneamento coas xa existentes. Esta actuación xa rematada contou cun investimento de preto de 810.000 euros.

 

Os traballos centráronse na ampliación da rede de saneamento en Coirós, para o que se executarán 16 novos tramos de colectores, con diámetro 250 mm. Tamén se incluíu a construción dunha estación de bombeo para recoller e impulsar as augas residuais urbanas de Agra-Figueiras. Con estas obras dase servizo a unha poboación total futura de 509 habitantes no horizonte de 2043.

 

Trenor destacou que a Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos municipais de saneamento, depuración e abastecemento e  continuar mellorando a calidade de vida da poboación no rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/08/2023