A Escola Galega de Saúde Pública da Consellería de Sanidade celebrou en Pontevedra a I Xornada Galega de Xestión Integral do Mosquito Tigre

O edificio administrativo da delegación territorial da Xunta en Campolongo acolleu este evento, que inaugurou a xefa territorial de Sanidade de Pontevedra, Natalia Botana Rey, acompañada pola subdirectora xeral de programas de control de riscos ambientais para a saúde da Dirección Xeral de Saúde Pública, Ines Mato Naveira

A través de diversos relatorios, analizáronse aspectos do aedes albopictus con implicacións en Saúde Pública

Na actividade participaron representantes de corporacións municipais, profesionais de corpos e forzas de seguridade do Estado, técnicos e especialistas en Saúde Pública, entomólogos, investigadores e compoñentes de asociacións
 

Pontevedra, 31 de agosto de 2023

A Escola Galega de Saúde Pública da Consellería de Sanidade organizou hoxe na delegación territorial da Xunta en Pontevedra a I Xornada galega de xestión integral do mosquito tigre. Aactividade desenvolveuse durante toda a mañá no salón de actos do edificio administrativo de Campolongo e foi inaugurada pola xefa territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra, Natalia Botana Rey, acompañada pola subdirectora xeral de programas de control de riscos ambientais para a saúde da Dirección Xeral de Saúde Pública, Inés Mato Naveira.

A través de diversos relatorios desta xornada de xestión integral -que contou coa asistencia e achega de representantes de diversas corporacións municipais, profesionais de corpos e forzas de seguridade do Estado, técnicos e especialistas en Saúde Pública, entomólogos e investigadores, así coma compoñentes de asociacións-, analizáronse aspectos coma o escenario actual do mosquito tigre en Galicia con implicacións na Saúde Pública, actuacións e marco organizativo, conceptos sobre o seu ciclo de vida e estratexias de captura deste tipo de vector.

Prevención vixilancia ambiental e control

Durante a I Xornada galega de xestión integral do mosquito tigre analizáronse así mesmo medidas de prevención, vixilancia ambiental e control destes insectos, promovéndose unha proposta de elaboración de plans de xestión municipal ao respecto.

As achegas das empresas de sanidade ambiental na xestión integral desta casuística tamén tiveron unha exposición específica e, tras todos os relatorios, abriuse unha quenda de preguntas entre os asistentes ao evento, que formularon cuestións de diversa índole relacionadas co control, actuacións, medidas de prevención, vixilancia etc.

Detección en Moaña en agosto

Foi o pasado 9 de agosto cando a Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia notificou a detección no Concello de Moaña dos primeiros exemplares en Galicia de aedes albopictus, comunmente denominado ‘mosquito tigre’.

O Goberno autonómico forma parte da Rede Galega de Vixilancia de Enfermidades Transmisibles por Vectores que identificou durante ou ano pasado máis de 6.000 exemplares de mosquitos ou carrachas con potencial interese pola súa capacidade de ser vectores de transmisión de enfermidades humanas e animais. Desde a posta en marcha este ano do novo Plan Nacional de Prevención, Vixilancia e Control das enfermidades transmitidas por vectores, Galicia colabora tamén co Centro Superior de Investigacións Científicas -CSIC- no impulso do proxecto de ciencia cidadá ‘Mosquito Alert’, que facilita a participación da cidadanía na achega de información sobre presenza de mosquitos a través dunha app.

Precisamente mediante dito método e grazas á colaboración veciñal en Moaña se identificou a existencia de exemplares que, tralo estudo por parte de entomólogos das Universidades de Santiago de Compostela e Vigo, se certificou que pertencían a esta especie.

Este mosquito aedes albopictus é un potencial transmisor de enfermidades coma os virus do dengue, chikungunya ou Zika.

Comité técnico de coordinación

No marco do protocolo establecido no Plan Nacional de Prevención, Vixilancia e Control, a Xunta de Galicia constituíu un comité de coordinación de carácter técnico para o que foron solicitados representantes aos departamentos autonómicos de Medio Ambiente, Medio Rural, Interior, áreas sanitarias, Sanidade Exterior, 112 e corporacións locais. Dito comité, coordinado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, continúa a planificar accións de reforzo da vixilancia da poboación deste mosquito co obxectivo de evitar a súa dispersión, así como un reforzo da vixilancia epidemiolóxica e a difusión de consellos para a cidadanía á hora de evitar a cría de mosquitos e a súa picadura.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/08/2023