O delegado territorial visitou esta mañá a casa niño ‘A Raíz’ e supervisou o estado das obras da casa niño ‘A Pequena Xesta’, en Xunqueira de Espadanedo

Gabriel Alén salienta as políticas de conciliación da Xunta na provincia de Ourense

O delegado territorial destacou que as Casas Niño son recursos gratuítos para as familias que se impulsan nos concellos máis pequenos -con menos de 5.000 habitantes- para contribuír a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar e, ademais, dinamizar a economía local para intentar fixar poboación nova no rural

Na provincia de Ourense hai un total de 46 casas niño, sendo as de Verea e Pontedeva as de máis recente creación, e na nova convocatoria está previsto a apertura doutra en Xunqueira de Espadanedo, e as de Chandrexa de Queixa, Monterrei, Laza e Lobios, o que supón máis do 50% das existentes en Galicia

Gabriel Alén subliñou que Galicia segue reforzando aqueles servizos de conciliación por toda Galicia que lograron situar á nosa Comunidade como unha referencia durante os últimos anos
 

Ourense, 31 de agosto de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao concello de Xunqueira de Espadanedo para visitar a casa niño ‘A Raíz’ e supervisar o estado das obras da casa niño ‘A Pequena Xesta’, que están a piques de rematar.

Acompañado do alcalde, Carlos Gómez, Gabriel Alén sinalou que as Casas Niño son recursos gratuítos para as familias que se impulsan nos concellos máis pequenos -con menos de 5.000 habitantes- para contribuír a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar e, ademais, dinamizar a economía local para intentar fixar poboación nova no rural.

O delegado territorial destacou que o formato de casas niño “é unha gran solución para territorios rurais e con pouca poboación que, polas súas características, non teñen suficiente demanda para dispor dunha escola infantil, pero si poden ofrecer deste xeito un servizo fundamental para formar e atender os cativos nos seus primeiros anos de vida, favorecendo ademais a súa interacción social e apertura ao mundo, e permitir ao mesmo tempo que traballen os seus pais e nais”.

Na provincia de Ourense hai un total de 46 casas niño, sendo as de Verea e Pontedeva as de máis recente creación, en 2022; e na nova convocatoria está previsto a apertura doutra en Xunqueira de Espadanedo, e as de Chandrexa de Queixa, Monterrei, Laza e Lobios, o que supón máis do 50% das existentes en Galicia, o que significa – mantivo o delegado territorial- “unha mostra da inequívoca aposta da Xunta de Galicia por que nos municipios rurais existan os mesmos recursos que nas cidades, nomeadamente no ámbito da familia e a infancia”.

Gabriel Alén lembrou que a nova convocatoria de axudas para a creación doutras nove casas niño en concellos que non teñen escola infantil e que ofertarán no seu conxunto 40 novas prazas para nenos de 0 a 3 anos totalmente gratuítas para as familias. Con estes novos equipamentos, Galicia terá en funcionamento este mesmo ano 2023 un centenar de servizos de conciliación deste tipo e prestará atención a máis de 500 nenos.

A través desta orde de axudas, a Xunta destina 900.000 euros a poñer en marcha estes novos servizos. Desta cantidade, 150.000 euros diríxense a financiar as obras de acondicionamento dos locais que acollerán estes centros, cun máximo de 15.000 euros por cada un. Os 720.000 euros restantes sufragarán os gastos da actividade diaria, o que supón unha achega de 21.560 euros por cada casa niño.

Deste xeito, seguirase apostando por estes recursos que nacían no ano 2016 coa intención de fomentar a igualdade de oportunidades entre territorios e entre as familias que viven nunha cidade e as que viven no rural.

Por último, o delegado territorial subliñou que Galicia segue reforzando aqueles servizos de conciliación por toda Galicia que lograron situar á nosa Comunidade como unha referencia durante os últimos anos. Mostra disto é o Bono Coidado, que ofrece un apoio para a contratación dun servizo extraordinario de conciliación e que no pasado ano beneficiou a 5.000 familias; a Tarxeta Benvida, unha axuda directa para que as familias fagan fronte aos gastos polo nacemento dun bebé; ou da gratuidade de todas as escolas infantís para todos os fillos e independentemente da titularidade do centro.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/08/2023