Controlado o incendio forestal do concello ourensán da Mezquita, parroquia de Santigoso

Segundo as últimas estimacións, o lume afecta unha superficie de arredor de 90 hectáreas

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2023

A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal do concello ourensán da Mezquita, parroquia de Santigoso, quedou controlado ás 20,35 de hoxe. Segundo as últimas estimacións, rolda as 90 hectáreas de superficie afectada.

O lume iniciouse ás 22,20 h. de onte en ata catro puntos case simultáneos, o que -xunto coa nocturnidade- apunta intencionalidade. Para o seu control mobilizáronse, polo de agora, 6 axentes, 23 brigadas, 11 motobombas, 2 pas e 2 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Data de actualización: 31/08/2023