A Xunta recorda que o criterio para a cesión de locais no edificio de Benito Corbal é exclusivamente técnico

A Xunta destaca que unha comisión avaliou as distintas solicitudes con base á documentación enviada polas asociacións e non tivo en conta criterios subxectivos

Os parámetros seguidos polos técnicos encargados da avaliación son obxectivos e non recibiron alegación algunha tras a súa publicación no DOG
 

Pontevedra, 30 de agosto de 2023

A Xunta, a través do xefe territorial de Vicepresidencia Primeira, Ramón Pereiro, recorda que o criterio para a cesión de locais no edificio de Benito Corbal foi exclusivamente técnico. A Administración autonómica defende a total imparcialidade do proceso cuxos criterios de avaliación foron debidamente publicados do Diario Oficial de Galicia e non recibiron alegación algunha.

Neste sentido, cabe destacar que a encargada de valorar o cumprimento, ou non cumprimento, de ditos criterios foi unha comisión formada por técnicos funcionarios que se centraron nos parámetros indicados no DOG.

Ademais, a fin de manter a total imparcialidade do proceso, a comisión tivo unicamente en conta a documentación presentada por cada entidade, sen entrar a valorar a súa traxectoria, relevancia, ou incluso das iniciativas levadas a cabo que non estiveran debidamente recollidas na documentación.

Cabe destacar que no ano 2019 emitíronse unha serie de autorizacións de uso por concorrencia competitiva que remataban en xullo do presente ano. Chegado ese momento, todas as asociación que estaban ocupando un dos locais do edificio de Benito Corbal quedaron a expensas de volver a solicitar un dos espazos e que este lles fora admitido. Así, non se expulsou a ningunha das asociacións instaladas neste edificio, senón que o período da autorización chegou ao seu fin.

O xefe territorial mostrouse comprensivo con todas as entidades que non conseguiron un dos locais que solicitaban e agradeceu o importante labor desempeñado por todas elas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/08/2023