A Xunta inviste preto de 100.000 € nos centros comerciais abertos de Marín e Pontevedra

O delegado territorial visitou a Asociación Centro Comercial Local Estrela de Marín que recibiu 52.000 euros no marco destas axudas a entidades sen ánimo e lucro

O total do investido na provincia de Pontevedra roza o medio millón de euros

Marín (Pontevedra), 30 de agosto de 2023 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a Asociación Centro Comercial Local Estrela Marín por ser un dos beneficiarios da axuda da Xunta para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia.

Trátase dun apoio que pretende fomentar o comercio a través destas asociación sen ánimo de lucro, que coñecen de primeira man as necesidades e intereses dos comerciantes da zona. Neste sentido, na Comarca de Pontevedra, ademais da Asociación Centro Comercial Estrela de Marín, que recibiu un importe de 52.000 euros, saíu beneficiaria a asociación Centro Urbano Zona Monumental de Pontevedra, con 44.000 euros.

A nivel provincial, estas axudas deixaron preto de 500.000 euros repartidos por doce entidades distintas que se encargarán de fomentar e potenciar o comercio nos distintos centros comerciais abertos das súas áreas.

Durante a visita o delegado coñeceu da man do xerente da asociación, Yonathan Carreira Figueiras, algunhas das principais accións que se levan a cabo na asociación e que fomentan de forma directa aos comerciantes da zona. Ademais, Reguera tivo a oportunidade de visitar un dos establecementos asociados.

“Ninguén mellor que os propios comerciantes e empresarios para coñecer as necesidades do mercado. Dende a Xunta queremos axudar ao noso tecido empresarial en todo o posible, pero sabemos que coñecer o terreo é algo imprescindible para poder facelo de forma eficaz. Por iso confiamos nestas asociacións sen ánimo de lucro que, de seguro, seguirán traballando para facer medrar os seus respectivos centros comerciais abertos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/08/2023