O presidente da Xunta participou hoxe na sinatura da acta de entrega do centro ao Goberno autonómico
Rueda destaca o impulso do Goberno galego á Escola de Cantería de Poio ao incluíla na rede de centros integrados de FP
Terá beneficios para o alumnado, que obterá títulos oficiais ao rematar a súa formación e para os antigos alumnos que poderán acreditar experiencia profesional
A actividade lectiva regrada comezará no curso 2024-2025, cunha oferta de formación centrada na construción, restauración e rehabilitación de edificios
Remarca a revolución que constitúe a FP en Galicia, que para o curso 2023-2024 contará coa maior oferta da prazas da súa historia
Poio (Pontevedra), 30 de agosto de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o novo impulso que desde o Goberno galego se lle dá á Escola de Cantería de Poio, que pasa a formar parte da oferta educativa da Xunta e que comezará a funcionar como centro integrado de Formación Profesional no curso 2024-2025.
Rueda participou na sinatura da acta de entrega desta Escola ao Executivo autonómico. Destacou que neste “día histórico” culmina un proceso que converterá este centro “nunha das xoias da coroa do sistema da FP en Galicia”, despois de máis de 40 anos sendo referente na ensinanza dun dos oficios más antigos e representativos da nosa Comunidade.
O cambio suporá grandes melloras para o alumnado, xa que permitirá que as ensinanzas que ata agora eran consideradas como formación non formal pasarán a ser títulos oficiais, ademais de permitir que os antigos alumnos, que non tiñan un título homologado, poidan acreditar a experiencia profesional.
Tras unha primeira fase de transición para trámites e xestións, o inicio da actividade lectiva regrada será xa no curso 2024-2025, cunha oferta de formación centrada na construción, restauración e rehabilitación de edificios, que superará as 100 prazas. Así mesmo, porase en marcha o proceso de acreditación de experiencia laboral. Nos cursos seguintes está previsto que o número e prazas supere as 300, co desenvolvemento completo de ensinanzas e a oferta de novas titulacións e formacións.
FP en Galicia
Rueda insistiu na aposta do Goberno galego pola Formación Profesional, que está a experimentar unha “revolución silenciosa na que levamos traballando moi intensamente nos últimos anos” e que, na actualidade, é unha opción preferente para moitos alumnos, ao converterse nun sinónimo de prestixio, confianza e utilidade.