A Xunta impartirá un curso para formación de asesores sobre fruticultura centrado nas pragas e polinizadores

A acción formativa terá lugar o vindeiro día 7 de setembro no CIAM de Mabegondo e está especialmente destinada e deseñada para técnicos e asesores tanto da Consellería do Medio Rural como das entidades privadas rexistradas

Este módulo enmárcase dentro do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, para a formación de asesores co fin de ofrecer unha mellor atención á cidadanía
 

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2023

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, impartirá o vindeiro día 7 de setembro un curso sobre fruticultura centrado nas pragas e polinizadores. Esta acción vai dirixida á formación de asesores e está especialmente destinada e deseñada tanto para os técnicos e asesores da propia Consellería como para os das entidades de asesoramento privadas do Resaxega (Rexistro de Entidades con Servizos de Asesoramento e Xestión de Galicia).

O curso terá lugar no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) en horario de mañá. Nel abordaranse aspectos relacionados co control biolóxico das pragas e a biodiversidade e a intensificación ecolóxica. Así, estudaranse as principais pragas nas froiteiras, o coñecemento e recoñecemento dos inimigos naturais, os vertebrados como os grandes esquecidos do control biolóxico, a polinización por insectos (entomófila) ou as medidas de intensificación ecolóxica.

A acción formativa será impartida polo profesor Marcos Miñarro, doutor en Bioloxía pola Universidade de Oviedo e investigador do Servizo Regional de Investigación y Desarrollo Agroalimentario de Asturias (Serida) dende 1998. A súa principal liña de investigación versa, precisamente, sobre a entomoloxía aplicada á produción sustentable de froita (sobre todo mazá de sidra), con estratexias adaptadas ás condicións locais e á produción ecolóxica.

Este curso de formación para asesores está enmarcado dentro do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 e ten como obxectivo mellorar a capacitación e os coñecementos deste persoal, co fin de ofrecer unha mellor atención pola súa parte aos cidadáns en xeral, de maneira especial aos agricultores, gandeiros e silvicultores.

Data de actualización: 30/08/2023