A Xunta apoia a mellora de locais, equipamento e traídas de auga de máis de 300 entidades a través do Plan específico de acción comunitaria

O vicepresidente primeiro da Xunta visitou na Estrada as asociacións veciñais Amigos do Castro de Barbude e San Lois de Orazo, beneficiarias da convocatoria de 2022

Dotada con tres millóns de euros, a medida facilítalle a actividade a asociacións veciñais, colectivos de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas

A Estrada (Pontevedra), 30 de agosto de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe na Estrada as asociacións veciñais Amigos do Castro de Barbude e San Lois de Orazo, beneficiarias do Plan específico de acción comunitaria. Dotada con tres millóns de euros, a iniciativa vai facilitar este ano a mellora de locais, equipamento e traídas de auga de 304 asociacións veciñais, colectivos de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas, segundo indicou Diego Calvo con motivo da visita.

 

O vicepresidente primeiro salientou a boa acollida que rexistra cada ano esta medida entre os colectivos, o que pon de manifesto a súa importancia no eido local. Segundo sinalou, a través dela destínanse 2,5 millóns de euros para facilitar a execución de obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e para obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas.

 

Cos 500.000 euros restantes finánciase a adquisición do equipamento necesario para o funcionamento das organizacións beneficiarias. En concreto, mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual, ademais doutros recursos para actividades específicas.

 

A provincia con maior número de entidades beneficiarias é Pontevedra, con 174 que se repartirán máis de 1,8 millóns de euros. En Ourense sitúanse 58 colectivos beneficiarios, aos que se lles achegarán preto de 600.000 euros, e tanto en Lugo como na Coruña a cifra de asociacións ascende a 36, cun investimento de máis de 300.000 euros no caso da provincia luguesa e de máis de 270.000 euros no da coruñesa.

 

Canto ás axudas por tipo de entidade, as asociacións veciñais son as que porán en marcha máis proxectos, con 171 beneficiarias e un investimento superior aos 1,5 millóns de euros, seguidas das comunidades de usuarios de augas, con 118 e máis de 1,3 millóns de euros de orzamento. Pola súa banda, 15 asociacións de mulleres rurais distribuiranse 128.633 euros.

 

Melloras dos locais sociais

No caso das asociacións veciñais visitadas hoxe, ambas as dúas recibiron 12.000 euros para a mellora dos seus locais sociais ao abeiro da convocatoria do Plan específico de acción comunitaria de 2022.

 

Así, a asociación Amigos do Castro de Barbude realizou obras para reforzar o illamento e evitar as filtracións de auga e aire nas instalacións, co cambio da cuberta. Tamén se mellorou a accesibilidade coa construción dunha rampla. Pola súa banda, a asociación de San Lois de Orazo construíu un anexo para dotar o local de dous cuartos de baño, un deles accesible, e darlle resposta así a unha importante demanda das persoas usuarias.

 

Xunto con estas, outras catro entidades estradenses resultaron beneficiarias da medida o pasado ano. Neste exercicio, o número de colectivos que recibiron o apoio da Xunta duplicouse, con 13 proxectos aprobados.

 

Diego Calvo situou o Plan específico de acción comunitaria no compromiso da Xunta co eido local e, en especial, cos colectivos que traballan a prol da dinamización social e a prestación de servizos á veciñanza. Nesta liña, recoñeceu o labor desenvolvido polas entidades beneficiarias da medida, xa que contribúe á mellora da calidade de vida da poboación con independencia do seu lugar de residencia e favorece o equilibrio territorial na xeografía galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/08/2023