A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou hoxe a marcha destes traballos na AC-231, a estrada que conecta coa N-VI e vai ata Sobrado

A Xunta avanza na 1ª fase da mellora integral da travesía de Teixeiro, que estará á disposición dos veciños de Curtis o vindeiro verán cun investimento de 1,3 millóns de euros

Vázquez Mourelle explica que as obras, que comezaron en xullo, están a levarse a cabo ao longo de 1 km en dúas zonas: na propia estrada AC-231 e no camiño do Centro Etnográfico

As tarefas céntranse na mellora da travesía ao longo de 500 metros, renovando as redes de abastecemento e saneamento, para evitar os problemas que ocasionaban afundimentos no firme

O proxecto prevé, ademais, a renovación das beirarrúas, dotándoas dun ancho mínimo de 1,8 metros, para garantir a accesibilidade, así como a rehabilitación do firme

A intervención tamén se desenvolve no camiño do Centro Etnográfico, ao carón da vía autonómica, onde se mellora do aparcadoiro e se renovan as instalacións de pluviais ata conectar co colector existente

As obras obrigan a facer desvíos do tráfico, que foron coordinados entre a Xunta e o Concello co fin de minimizar no posible as molestias a usuarios e veciños

Curtis (A Coruña), 29 de agosto de 2023

A Xunta avanza na 1ª fase da mellora integral da travesía de Teixeiro, que estará á disposición dos veciños de Curtis o vindeiro verán, cun investimento de 1,3 M€.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou hoxe a marcha destes traballos na AC-231, a estrada da Xunta que conecta coa N-VI e vai ata Sobrado, ao seu paso polo municipio, na travesía de Teixeiro.

Subliñou que a intervención, que comezou en xullo, ademais de tratar o firme da travesía, está a desenvolverse sobre a rede de sumidoiros e as canalizacións de abastecemento que se atopan en mal estado e ocasionaban problemas que derivaban en afundimentos do firme.

Os traballos están a levarse a cabo ao longo de aproximadamente 1 km de lonxitude en dúas zonas diferenciadas: na propia estrada AC-231 e no camiño do Centro Etnográfico, ao carón da vía autonómica.

Por unha parte, as tarefas céntranse en mellorar de xeito integral a travesía ao longo de preto de 500 metros, renovando as redes de abastecemento e saneamento, executando redes de pluviais e sistema de drenaxe para evitar esas roturas frecuentes das redes.

O proxecto prevé a renovación das beirarrúas, dotándoas dun ancho mínimo de 1,8 metros, para garantir a accesibilidade. Ampliaranse, ademais, os espazos nas zonas dos pasos de peóns para mellorar a visibilidade.

Tamén se intervirá sobre o firme onde sexa necesario, renovando a capa de rodaxe na totalidade da estrada e na zona de aparcamento.

Ademais canalizarase a rede de servizos: iluminación, telecomunicacións, electricidade, o que redundará nunha mellora estética, xa que agora estes servizos, na súa meirande parte, van mediante tendidos aéreos.

Por outra parte, o proxecto prevé a actuación no camiño do Centro Etnográfico, ao carón da vía autonómica, nun treito tamén de preto de 500 metros. Neste caso, mellórase o aparcadoiro, co fresado e disposición dunha nova capa de firme, e renóvanse as instalacións de pluviais ata conectar co colector existente.

Ata o de agora en parte desa zona do aparcadoiro xa se fresou o pavimento para a execución da gabia e posterior colocación da tubaxe de pluviais, cos seus respectivos pozos de rexistro; e tamén se executou o punto de desaugamento para as pluviais.

A partir destes traballos do camiño ao Centro Etnográfico, continuarase coa renovación da tubaxe de saneamento pola marxe dereita da estrada AC-231.

Vázquez Mourelle precisou que estas obras empezaron a comezos do mes de xullo e actualmente están ao 10% de execución.

As obras obrigan a facer desvíos do tráfico, que se teñen iniciado na mañá de hoxe e que foron coordinados entre a Xunta e o Concello para minimizar no posible as molestias aos veciños e usuarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/08/2023