A Xunta destina 252.000€ á renovación da colaboración con ACNUR, UNRWA e a fundación UNICEF para actuacións no exterior de loita contra a violencia de xénero

Os convenios enmárcanse no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e na colaboración entre a Vicepresidencia Primeira e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

Mulleres e nenas vítimas de violencia de xénero da República Democrática do Congo, Uganda e Palestina beneficiaranse das actuacións

O investimento destinado a estes convenios desde 2019 no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero supera os 1,5M€
 

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2023

A Xunta acaba de renovar a colaboración na loita contra a violencia de xénero coa Asociación España con ACNUR, a Asociación UNRWA España e a Fundación UNICEF, todas elas vinculadas ao sistema de Nacións Unidas, coa sinatura dos respectivos convenios. O orzamento dos acordos suma 252.000 euros, 84.000 euros cada un deles.

O Goberno galego mantén desde 2019 o seu compromiso con estas entidades no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero a través, á súa vez, da colaboración entre a Vicepresidencia Primeira da Xunta e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Neste período, o investimento realizado para financiar proxectos de acción humanitaria a través desta vía supera os 1,5M€.

O apoio á Asociación España con ACNUR, permitirá loitar contra a violencia sexual e a discriminación contra as mulleres na República Democrática do Congo-RDC. As intervencións céntranse na formación de representantes de estruturas comunitarias da poboación refuxiada; na mellora do acceso a servizos de protección por parte de sobreviventes de violencia sexual e de xénero; ou na realización de actividades para a inserción socio-económica das mulleres vítimas con iniciativas de mobilización comunitaria para a erradicación da violencia sexual e de xénero.

Pola súa banda, a Fundación UNICEF continúa co seu traballo na creación de servizos integrados para a prevención e resposta aos problemas de protección da infancia, incluída a violencia de xénero, no distrito de acollida de refuxiados de Yumbe, en Uganda. Entre as estratexias empregadas que contribuíron a reforzar este sistema destaca a celebración de reunións periódicas de coordinación multisectorial dirixidas polo Goberno local do distrito, a remisión para a xestión dos casos de protección da infancia e a formación e titoría das estruturas comunitarias e os provedores de servizos (sanitarios, policía e benestar social) co obxectivo de mellorar as capacidades de resposta aos riscos e necesidades de protección infantil.

Por último, a Asociación UNRWA España dará continuidade coa dotación deste ano á intervención de protección e atención fronte á violencia machista para as mulleres vítimas e superviventes de violencia de xénero dos campos de poboación refuxiada de Palestina na Franxa de Gaza. Así, reforzarase a prevención e atención ás vítimas de violencia de xénero mediante un enfoque integral, no que ademais da atención necesaria ás vítimas se realizan actividades de sensibilización comunitaria que promoven a prevención e os cambios estruturais a longo prazo.

 

Data de actualización: 29/08/2023