20 mozos galegos viaxarán a Xapón co programa de intercambios culturais da Xunta

Os participantes percorrerán un tramo do Kumano Kodo, unha ruta de peregrinación que percorre os tres grandes santuarios xintoístas

Santiago de Compostela (A Coruña), 28 de agosto de 2023.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, reuniuse cos mozos e mozas participantes do programa da Xunta “A Xuventude no mundo”, que os levará a Xapón do 1 ao 6 de setembro nun intercambio cultural.

Os 20 participantes de Galicia, acompañados dunha monitora, viaxarán á prefectura de Wakayama en Xapón, onde realizarán múltiples actividades culturais entre as que destaca o percorrido por un tramo do Kumano Kodo -unha ruta de peregrinación similar ao Camiño de Santiago que percorre os tres grandes santuarios xintoístas-, visitarán lugares tradicionais da cultura xaponesa e asistirán a encontros con mozos locais e con autoridades.

A Consellería de Política Social e Xuventude recupera esta iniciativa tras un parón de tres anos motivado pola pandemia, que impedía as viaxes a este país. Os participantes teñen idades comprendidas entre os 18 e 30 anos.

Na reunión preparatoria mantida coa directora xeral tratáronse temas de interese para a organización e desenvolvemento deste programa. O obxectivo do mesmo é facilitar aos mozos o coñecemento doutras realidades socioculturais e lingüísticas para a comprensión da diversidade, ademais de potenciar a adquisición de competencias non formais que faciliten o desenvolvemento persoal dos mozos e mozas.

O camiño Kumano Kodo

O programa leva por título “O camiño Kumano Kodo irmandado co Camiño de Santiago”, no que os mozos e mozas participantes percorren un tramo da famosa ruta de peregrinación xaponesa, similar ao Camiño de Santiago, que discorre polos tres grandes santuarios xintoístas do país do sol nacente.

 

Esta actividade é posible ao abeiro das relacións bilaterais que a Xunta de Galicia mantén con entidades doutros países. A Xunta cobre o aloxamento en pensión completa e todas as actividades organizadas pola entidade de acollida.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/08/2023