A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, co delegado da Xunta na Coruña, destaca o investimento total de 3,6 M€ en Noia entre este proxecto para reforzar o sistema de abastecemento e a mellora da depuradora que se vai iniciar en breve
Ethel Vázquez anuncia a licitación das obras de mellora da potabilizadora de Noia, cun investimento de 1,3 M€ e o obxectivo de servir ata 24.000 habitantes
Vázquez Mourelle indica que se prevé adxudicar o contrato nos primeiros meses de 2024 e empezar a continuación as obras, cun prazo de 6 meses
Sinala que as obras previstas solucionarán os problemas de capacidade, pois a planta fora deseñada para 15.000 habitantes, e de funcionamento, ao presentar deficiencias no pretratamento ou no sistema eléctrico
Concreta que se procederá á instalación dun pretratamento completo, de dúas bombas somerxibles, á automatización do proceso ou á reforma da instalación eléctrica
Adianta que a Xunta tamén comezará de forma inmediata a mellora da depuradora de augas residuais, cun investimento de máis de 2,3 M€
Pon en valor o apoio do Goberno galego aos concellos, cun investimento de máis de 1.100 M€ desde o 2009 en infraestruturas hidráulicas
Noia (A Coruña), 28 de agosto de 2023 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación das obras de mellora da potabilizadora de Noia, cun investimento de 1,3 M€ e o obxectivo de servir ata 24.000 habitantes.
Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, abordou hoxe esta licitación que recolle a Plataforma de Contratos da Xunta, establecendo un prazo de presentación de ofertas que vai ata o 9 de outubro.
Subliñou que a mellora da estación potabilizadora de Noia é unha necesidade que se debe atender, por razóns de capacidade, xa que foi deseñada para servir a unha poboación aproximada de 15.000 habitantes e iso hoxe é insuficiente para o municipio.