A Xunta impulsou con máis 50.000 euros os campamentos de conciliación da comarca de Pontevedra

O concello de Cerdedo-Cotobade recibiu 17.800 euros para a organización do seu Concilia Verán

O delegado territorial destacou a importancia destas iniciativas durante as vacacións escolares

Cerdedo-Cotobade, 28 de agosto de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o programa Concilia Verán, unha iniciativa enmarcada no Plan Corresponsables coa que a Xunta busca mellorar a conciliación familiar dos veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade.

A Xunta de Galicia está a destinar máis de 50.000 euros a iniciativas de conciliación nos concellos da comarca de Pontevedra encamiñadas a axudar ás familias con menores a través de programas que manteñen a centenas de cativos entretidos e gozando de todo tipo de actividades deportivas e de lecer durante este verán.

Agustín Reguera, visitou, xunto ao xefe territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, José Antonio Rodríguez, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, as actividades que se levan a cabo no CEIP de Tenorio, onde decenas de nenos e nenas gozaron dunha mañá de diversión.

En concreto, esta iniciativa da Xunta deixou en Cerdedo-Cotobade preto de 18.000 euros que axudaron a financiar o programa municipal que ocupou durante o verán a máis de cen cativos de entre 4 e 12 anos.

No mesmo marco tamén se fomentou a conciliación familiar no concello de Poio, onde se desenvolveu o Espazo Concilia grazas a unha achega de 7.685 euros. No Concello de Ponte Caldelas o investimento chegou aos 10.000 euros e en Vilaboa destináronse máis de 7.400 euros para que o concello puidese financiar a súa iniciativa Vilaverán. Por último o concello de A Lama organizou o seu Plan Concilia e Plan Madruga grazas a unha inversión autonómica de 7.849 euros. 

Máis alá dos investimentos levados a cabo na comarca de Pontevedra, cabe destacar que o total en iniciativas relacionadas coa conciliación e a actividade infantil na provincia de Pontevedra a través do Plan Corresponsables superou o millón de euros.

Reguera aproveitou a visita para destacar o importante papel destas iniciativas que “ofrecen un respiro aos pais e nais que senten dificultades para conciliar a vida familiar coa laboral durante as vacacións escolares”. Ademais, lembrou que “a Xunta de Galicia é consciente de que estes programas son cada vez máis imprescindibles e está disposta a apoiar aos concellos para que poidan seguir mellorando a calidade de vida da súa veciñanza e fomentando a boa organización interna das familias”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/08/2023