A Xunta impulsa este verán 24 actuacións en centros educativos da cidade cun investimento de case 5 millóns de euros

Trenor supervisou as obras de mellora que se están a executar no CEIP Curros Enríquez por un importe de case un millón de euros

O delegado da Xunta explicou que con esta actuación se mellorará o illamento e se implementarán novas condicións lumínicas no interior

A Coruña, 28 de agosto de 2023

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, supervisou esta mañá as obras que se está a levar a cabo no CEIP Curros Enríquez nas que a Xunta de Galicia está a investir case un millón de euros.  Trenor recalcou que as obras avanzan a moi bo ritmo polo que as clases poderan comezar con normalidade.

As obras de renovación da cuberta permiten avanzar neste centro no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para impulsar centros educativos máis sostibles e innovadores.

O delegado da Xunta salientou que estas actuacións permiten renovar as condicións de illamento e lumínicas do centro do que se beneficiarán os preto de 250 alumnos que acoden diariamente ás clases. “É unha reforma practicamente integral das envolventes do edificio, necesaria para que centros educativos como este dean resposta ás novas necesidades, se modernicen e sexan espazos eficientes e confortables para toda a comunidade educativa”, indicou.

En concreto, as intervencións consisten na substitución dos 1.400 metros da cuberta por outra que mellore o  illamento. Tamén se está a reparar e a restituír a fachada actual, limpando e recubrindo os muros e, no interior, colocaranse falsos teitos no edificio principal do colexio con paneis acústicos.

As actuacións inclúen tamén a substitución das luminarias fluorescentes por pantallas LED con sistemas de regulación lumínica nas aulas e sistema de detección do movemento.

Obras centros educativos cidade

Trenor salientou que es obra se enmarca na aposta da Xunta por renovar e actualizar os centros educativos da cidade e área da Coruña ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. En concreto na cidade da Coruña destínanse máis de 4,4M€ en 24 colexios e institutos ao abeiro deste plan, algúns xa en execución como a rehabilitación intregral do CEIP Eusebio da Guarda, o ascensor do Ceip Víctor López Seoane, a renovación da cuberta do CEIP Curros Enríquez, a reforma do salón de actos do CIFP Imaxe e Son, a instalación do dous ascensores no IES Monte das Moas, a construcción doutro ascensor no IES Urbano Lugrís, a renovación da cuberta e cubrición da pista e ampliación do  IES Elviña e  a renovación da cuberta do IES Universidad Laboral.

O representante do Goberno autonómico tamén lembrou que se están a executar outras 12 obras menores en centros educativos da Coruña por un importe de máis de 150,000 euros. Ademais, informou que se iniciou o expediente para contratación da construción dun ascensor no CEIP San Francisco Javier por un importe de case 200.000 euros.

Trenor resaltou a actuación que se está levando a cabo de instalación de placas fotovoltaicas en 3 centros educativos da Coruña que supoñen un investimento total de máis de 100.000 euros.

“Con todos estes investimentos, apuntou o delegado, nestes momentos a Xunta ten comprometidos e na maior parte en execución case 5 millóns de euros para dar resposta ás necesidades dos centros educativos da cidade”

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/08/2023