A Xunta destaca a relevancia da futura base de unidade operativa de Muíños para a loita contra os incendios forestais

Cun investimento de arredor de 400.000 euros, estas instalacións servirán para acoller persoal e medios do dispositivo da Xunta

José González puxo de relevo a utilización que se está a facer da madeira de piñeiro e castiñeiro para fornecer esta edificación, que procurará a súa máxima integración no medio con materiais ecolóxicos e reciclables como elementos fundamentais

Este proxecto estase a desenvolver nunha parcela de preto de 46.000 metros cadrados, sendo a superficie construída de algo máis de 223 metros cadrados, en planta baixa
 

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, supervisou o avance das obras da Base de Unidade Operativa (BUO) de Muíños. Cun investimento de arredor de 400.000 euros, estas instalacións terán como obxectivo acoller persoal e medios do dispositivo da Xunta para a loita contra os incendios forestais, destacou o conselleiro. Esta obra finánciase ao 100% con fondos React-UE como resposta da Unión á pandemia da COVID-19, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

Ademais, José González puxo de relevo a utilización que se está a facer da madeira de piñeiro e castiñeiro para fornecer esta edificación, que procurará a súa máxima integración no medio con materiais ecolóxicos e reciclables como elementos fundamentais. Deste xeito, tratarase dunhas instalación bioclimáticas coa máxima certificación enerxética.

A edificación contará con vestiarios e duchas, zona de cociña, comedor, elementos de descanso e un pequeno despacho. Disporá tamén dunha área exterior cuberta de aparcadoiro para vehículos. Neste sentido, a futura base actuará como un contedor de servizos de protección forestal, que poderá funcionar como nodo de todos os actores participantes neste labor, favorecendo a conciliación entre descanso e traballo dos bombeiros e axentes, sen esquecer a súa integración na contorna.

O proxecto estase a desenvolver nunha parcela de preto de 46.000 metros cadrados, sendo a superficie construída de algo máis de 223 metros cadrados, en planta baixa. Ademais, todos os elementos estruturais proxectados foron desenvolvidos por empresas e universidades galegas e a produción estase a realizar con madeiras locais, baixo a filosofía de quilómetro cero.

Aposta da Xunta pola mellora do servizo

Cómpre lembrar que a posta en marcha desta base enmárcase dentro dos plans da Consellería do Medio Rural para os puntos de encontro das brigadas de incendios, que se están a reformular e que concentrarán non só estes profesionais, senón tamén outros traballadores do servizo como condutores de motobombas, axentes e outros, pasando a denominarse BUO.

Así mesmo, a construción e mellora de infraestruturas preventivas para o persoal e os medios, como é o caso destes BUO, súmase aos esforzos que se veñen facendo por parte da Xunta para dotar aos membros do operativo de vehículos todoterreo, motobombas, medios aéreos e dos equipos de protección individual necesarios.

Neste senso, cabe destacar a entrega dos máis de 60 vehículos todoterreo a axentes ambientais da Consellería, a contratación este ano de oito helicópteros para tarefas de coordinación e extinción, así como de 14 equipos multifunción formados por tractor, cisterna, trituradora e polidozer (chamados batracios) e de 18 motobombas, ás que hai que engadir outras 13 novas, adquiridas o pasado ano e que foron entregadas en marzo de 2023.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/08/2023