Galicia acollerá esta semana a primeira reunión técnica dos socios europeos do proxecto GIFT para avanzar na xestión da infraestrutura verde a nivel rexional

A Xunta foi escollida pola Comisión Europea para liderar e coordinar esta iniciativa, impulsada no marco do programa Interreg e cunha duración prevista de catro anos

O encontro desenvolverase os días 29 e 30 de agosto e incluirá mesas de traballo e unha visita ao Monte Xalo, en Culleredo, escollido como área de especial interese paisaxístico e exemplo da combinación dos valores naturais, culturais e panorámicos
 

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2023

Galicia acollerá esta semana a primeira reunión conxunta do equipo de traballo interrexional do chamado proxecto GIFT (Green Infrastructure for Forest and Trees), que se constituíu oficialmente o pasado mes de xuño e cuxa misión é establecer ao longo dos vindeiros catro anos medidas e políticas sectoriais efectivas no eido da xestión da infraestrutura verde e da paisaxe.

Os días 29 e 30 de agosto está previsto que se celebre en Santiago a primeira revisión entre pares desta iniciativa co fin de analizar e mellorar da man dos socios implicados —un total de 10, baixo a dirección e liderado do Goberno galego— os instrumentos políticos directamente relacionados coa infraestrutura verde, entendida como unha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións da contorna.

Segundo a axenda prevista, combinaranse as reunións técnicas con visitas ao territorio. No marco das primeiras, abordaranse os principais aspectos a considerar nesta materia, a situación actual de Galicia e os instrumentos políticos relacionados, así como outros factores a ter conta á hora de reflectir adecuadamente os resultados obtidos.

En canto ás saídas previstas, cómpre subliñar unha visita ao Monte Xalo, escenario escollido pola súa condición de Área de especial interese paisaxístico e como un bo exemplo na Comunidade da combinación dos valores naturais, culturais e panorámicos.

O obxectivo deste primeiro encontro é facilitar a posterior formulación de recomendacións que permitan integrar os criterios relacionados coas infraestruturas verdes nos instrumentos galegos de protección da paisaxe, para o cal resulta especialmente interesante coñecer as experiencias previas a diferentes escalas territoriais dalgúns dos socios implicados no GIFT.

Así, nesta ocasión, contarase coa participación destacada, entre outros, de representantes da Universidade de Zagreb (Croacia), ademais da Universidade de Letonia, en calidade de socio asesor.

Tamén están convidados a participar e colaborar outros expertos e axentes con experiencia en Galicia, que poderán aportar o seu coñecemento e puntos de vista sectoriais ao equipo.

Case 2 M€ de orzamento

Para liderar o proxecto GIFT a Comisión Europea seleccionou á Xunta de Galicia, que delegou no Instituto de Estudos do Territorio (IET) a misión de aprender uns socios doutros para, grazas ao coñecemento adquirido entre todos, mellorar unha política propia que incorpore a infraestrutura verde a outras políticas territoriais de cada rexión.

Impulsado no marco do programa Interreg Europe-FEDER e cun orzamento de 1,97 millóns de euros —o 80% procedente do Feder e o 20% restante achegado polos socios—a iniciativa porá especial énfase e atención nos bosques, nas árbores e nas paisaxes que albergan, procurando a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima, a auga, a erosión e o benestar animal, entre outros.

O carácter innovador do GIFT reside no seu enfoque integrado coas políticas sectoriais co que se pretende abordar a infraestrutura verde fronte ao cambio climático, a súa conectividade e as medidas de recuperación da biodiversidade.

Ademais da Xunta, no proxecto participan outras nove entidades de países e rexións da Unión Europea, concretamente: o goberno rexional de Västra Götaland (Suecia), a Axencia Territorial de Flandes (Bélxica), os gobernos provinciais de Fryslân (Países Baixos) e Rimini (Italia), o Instituto Forestal Esloveno, o Centro de Apoio Empresarial de Kranj (ambos de Eslovenia), a Axencia Rexional de Leipzig (Alemaña) e os dous anteriormente mencionados: a Universidade de Letonia e a cidade de Zagreb.

Data de actualización: 27/08/2023