O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, abordou hoxe nunha reunión telemática cos municipios do sistema de abastecemento de Pontevedra a prealerta por escaseza de auga da bacía

A Xunta aconsella aos concellos do sistema de abastecemento do río Lérez axilizar o ente supramunicipal para a xestión da subministración de auga e elaborar un Plan de seca conxunto

A prealerta por escaseza de auga supón intensificar a vixilancia da auga dispoñible en relación ás necesidades existentes, anticipándose para poder adoptar as medidas necesarias para garantir o abastecemento

A Xunta urxe a configuración do ente supramunicipal para a xestión do abastecemento, xa acordada polos concellos de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Bueu, Vilaboa e Ponte Caldelas, e reforzar a coordinación entre municipios mentres o citado órgano non estea activo

Sinala a necesidade de que os concellos que se abastecen do río Lérez elaboren un Plan de seca que contemple todo o sistema para dispoñer con anticipación da información da situación, optimizando a coordinación na xestión da auga nestas situacións de escaseza

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2023

A Xunta aconsellou hoxe aos concellos do sistema de abastecemento do río Lérez axilizar a creación do ente supramunicipal para a xestión da subministración de auga e elaborar un Plan de seca conxunto.

 

O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, mantivo hoxe unha reunión telemática cos concellos do sistema de abastecemento de Pontevedra para abordar a situación de prealerta por escaseza de auga na bacía, declarada o mércores pola Oficina Técnica da Seca.

 

No encontro, convocado por Augas de Galicia a petición dos concellos, participaron representantes dos municipios de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Ponte Caldelas, Bueu e Vilaboa.

 

Na xuntanza, Augas de Galicia detallou a situación na que se atopa o río Lérez, onde se ten activada a situación de prealerta por escaseza. Os representantes municipais coñeceron os indicadores e valores avaliados e a súa comparativa coa situación do mesmo período do ano pasado.

 

Gonzalo Mosqueira indicou que esta situación de escaseza mide a auga dispoñible nos ríos, encoros e acuíferos en relación aos usos e necesidades existentes. Precisou que se trata dun primeiro aviso para manter a vixilancia e a anticipación para poder adoptar as medidas oportunas no caso de haber algún risco para atender as demandas de abastecemento coas reservas de auga dispoñibles.

 

Cómpre precisar que aínda que este sistema de abastecemento é supramunicipal, cunha única captación e estación de potabilización, a fórmula de xestión actual non é conxunta de todos os concellos.

 

Neste sentido, a Xunta remarca a urxencia de que tal como teñen acordado os concellos de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Bueu, Vilaboa e Ponte Caldelas, configuren o ente supramunicipal para esta xestión do seu abastecemento.

 

Augas de Galicia subliña que, mentres este ente non estea operativo, é necesaria unha especial coordinación entre estes municipios, especialmente en episodios de escaseza de auga, como o que está activo actualmente.

 

Na reunión, ademais do impulso do citado ente de xestión, a Xunta tamén explicou os mecanismos que teñen os concellos para xestionar este tipo de eventos, facendo fincapé nos Plans de seca municipais.

 

O Goberno galego salienta a necesidade dun Plan de seca que contemple todo o sistema de abastecemento para que todos os municipios dispoñan con anticipación da información da situación e das medidas previstas, optimizando así a coordinación na xestión da auga nestas situacións.

 

A Xunta leva desde o ano 2019 concedendo axudas aos concellos para a elaboración de plans de emerxencia para afrontar en mellores condicións eses episodios, con 1,3 M€ achegados a 104 municipios.

 

Pola súa banda, os concellos indicaron que prevían unha redución do consumo de auga nos próximos días, pola finalización da época estival. Ademais, os municipios teñen trasladado á cidadanía recomendacións e medidas de concienciación no uso responsable da auga.

 

Co fin de seguir analizando a evolución das demandas de auga e do caudal do río Lérez, os asistentes acordaron manter unha nova reunión a próxima semana.

 

Prealerta por escaseza de auga

Cómpre lembrar que a Xunta activou esta semana a prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, e do río Grande, en Camariñas.

 

Tamén continúa activa a situación de seca prolongada nos sistemas das concas que van desde o río Mero a Ferrol e desde o río Mera á ría de Ribadeo.

 

Ademais proseguirá a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de prealerta por escaseza no subsistema de Baiona, situado no sistema de explotación do río Verdugo, Ría de Vigo e Ría de Baiona, desde o cal se abastece o concello de Baiona.

O Goberno galego reiterou hoxe aos concellos a necesidade de adoptar as medidas que consideren oportunas, dentro do seu ámbito de competencia, e levar a cabo un labor de concienciación cidadá e un control axeitado dos usos da auga que se realicen no seu municipio.

 

A Xunta chamou ao consumo responsable da auga, evitando malgastala a través da restrición de regas, a limitación do enchido de piscinas ou a reutilización da auga sempre que sexa posible.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/08/2023