A Xunta iniciará a vindeira semana traballos de limpeza na estrada PO-549 en Vilanova de Arousa

Na provincia da Coruña, avanzan as actuacións en marcha na autovía AG-64, nos concellos de Narón e San Sadurniño
 

Tamén continuarán as tarefas na LU-540, ao paso por Viveiro, Ourol, Muras e Xermade
 

Reanudaranse os traballos na estrada OU-536, no concello do Pereiro de Aguiar
 

Proseguirán as tarefas nas marxes da AG-56, que une Moaña e Cangas; ou na VG-4.6 Cangas-Bueu e na do Morrazo
 

Estas intervencións enmárcanse no novo contrato con Seaga para o control da biomasa das marxes das vías da Xunta, cun investimento de case 3 M€ en dous anos
 

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2023 A Xunta iniciará a vindeira semana traballos de limpeza na estrada PO-549, ao paso por Corón, en Vilanova de Arousa.

 No marco destas intervencións, continuarán as tarefas que se están a desenvolver nas últimas semanas nas marxes das vía autonómicas das catro provincias.
 

Na provincia da Coruña, seguirá a execución das actuacións xa en marcha na autovía AG-64, nos concellos de Narón e San Sadurniño. 

Na provincia de Lugo, proseguen as tarefas na LU-540, ao paso polos municipios de Viveiro, Ourol, Muras e Xermade. 

Na provincia de Ourense, reanudaranse os traballos na estrada OU-536, no concello do Pereiro de Aguiar. 

Na provincia de Pontevedra, proseguirán as obras en execución nas marxes da AG-56, que une Moaña e Cangas; e nas vías de altas prestacións VG-4.6, que comunica os municipios de Cangas e de Bueu, e na do Morrazo (CG-4.1.), Moaña-Cangas. 

Seguridade viaria

Estas intervencións están enmarcadas no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que supón un investimento de preto de 3 M€ para os dous próximos anos. 

As actuacións consisten no roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas e a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas. 

O Goberno galego, con este programa, segue a intensificar as súas accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/08/2023