Unha decena de voluntarios realizarán labores ambientais na Illa de Cortegada esta fin de semana

Trátase dunha das 32 accións previstas este verán en espazos naturais no marco do programa de voluntariado promovido pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Consellería de Política Social e Xuventude

Entre as accións a desenvolver baixo a supervisión de técnicos do Parque Nacional das Illas Atlánticas figuran a limpeza de praias e recollida de lixo mariño, a reparación e sinalización de camiños ou a eliminación de especies alóctonas
 

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2023 A illa de Cortegada, que forma parte do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, acollerá esta fin de semana a 10 participantes no programa de voluntariado interxeracional impulsado pola Xunta en espazos naturais galegos, que ten como fin promover o respecto e a protección do patrimonio natural a través de diferentes accións de carácter ambiental.

Trátase dunha das 32 intervencións programadas no marco da terceira edición desta iniciativa, impulsada de forma conxunta pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Consellería de Política Social e Xuventude. Nesta ocasión ofertáronse 434 prazas, que se esgotaron rapidamente ao igual que nos anos anteriores, unha acollida que reflicte o interese e a implicación cada vez maior da cidadanía por participar neste tipo de accións e achegarse á natureza de modo diferente.

En concreto, os 10 voluntarios chegarán esta tarde a Vilagarcía, onde recibirán as primeiras instrucións por parte dos monitores que os acompañarán durante a fin de semana e pasarán a noite antes de saír rumbo a Cortegada a primeira hora de mañá.

Unha vez na illa e co apoio e supervisión dos técnicos do Parque Nacional en todo momento, os participantes realizarán un amplo abano de actuacións medioambientais entre as que figuran a eliminación de especies alóctonas; a limpeza da praia de Sartaxéns e da súa contorna; a retirada de lixo mariño; a realización de tarefas de mantemento, reparación e adecuación de camiños e sinais, etc.

Ademais, tamén está previsto que interveñan no acondicionamento da contorna dunha pequena edificación co fin de poder consolidar o seu uso para depositar e gardar o lixo recollido antes do seu traslado e tratamento fóra da illa.

Nesta edición, o Parque Nacional das Illas Atlánticas acollerá 8 das 32 accións de voluntariado ambiental programadas, con dúas quendas previstas en cada un dos catro arquipélagos. No caso concreto de Cortegada, outras 10 persoas desenvolverán labores de carácter medioambiental na illa durante a fin de semana do 15 ao 17 de setembro.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/08/2023