A Xunta convoca a V edición do Premio Empregados Públicos Innovadores para avanzar cara a unha administración máis adaptada ás necesidades da cidadanía

A través deste galardón, a Axencia Galega de Innovación busca recoñecer a actitude innovadora do persoal ao servizo da Administración pública autonómica e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico

O certame conta con dúas categorías —identificación de oportunidades e proxecto coa temática máis innovadora— e está dotado con 2000€ para as solicitudes individuais e 3000€ para as solicitudes grupais

En edicións anteriores recoñecéronse traballos como unha proposta para a optimización enerxética na Xunta, un software para facer teatro inclusivo, unha aplicación móbil para mellorar o labor de inspección e control dos produtos á venda ou un proxecto centrado na xestión avanzada dos recursos hídricos galegos
 

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases e convocatoria da quinta edición do Premio Empregados/as Públicos/as Innovadores/as convocado pola Axencia Galega de Innovación dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

O obxectivo do premio é recoñecer o compromiso e a actitude innovadora do persoal ao servizo da Administración pública galega para facela máis eficiente, moderna e innovadora, así como capaz de satisfacer mellor as necesidades da cidadanía. Ao mesmo tempo, dáse impulso á Compra Pública de Innovación (CPI) na Xunta, que persegue consolidar Galicia como un referente no emprego desta fórmula que fomenta a innovación a través da contratación pública.

Bases do premio

Poderá presentarse a este certame todo o persoal funcionario e laboral ao servizo das seguintes entidades do sector público autonómico: a Administración Xeral da Comunidade Autónoma e as entidades públicas instrumentais (organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e consorcios autonómicos).

O certame consta de dúas categorías: identificación de oportunidades ou retos de innovación dentro da Administración, na que se deberá identificar unha problemática nun servizo prestado á cidadanía e motivar a necesidade e interese da súa resolución; e proxecto coa temática máis innovadora xa realizado ou en curso, na que os participantes deberán describir o dito proxecto (proceso, puntos fundamentais e carácter innovador). Os galardóns están dotados con 2000 euros para quen gañe individualmente e 3000 euros para quen gañe cunha candidatura grupal de ata 3 persoas.

O xurado terá en conta, na primeira categoría, o interese e relevancia do proxecto, o impacto sobre a contorna e efecto dinamizador, a posibilidade de levalo á práctica e a orixinalidade na presentación. Pola súa parte, na segunda categoría, o comité valorará o grao de innovación e diferenciación da proposta, o seu impacto sobre o escenario actual, a calidade, capacidade e compromiso do equipo promotor, a súa replicabilidade e a orixinalidade na presentación do proxecto.

As candidaturas deberán presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ata o 2 de outubro.

Premiados en edicións anteriores

Na última edición, recoñeceuse unha proposta para a optimización enerxética na Xunta de Galicia, así como o proxecto Mestres Gandeiros, un material didáctico soportado nunha páxina web, deseñado coa colaboración de gandeiros dos Ancares, co fin de poñer en valor a súa contribución como principais xestores da biodiversidade e a paisaxe. No ano 2021, premiouse un traballo para mellorar a eficiencia do sistema educativo galego co emprego de sistemas de intelixencia artificial así como un software para realizar un teatro máis inclusivo. No ano 2020 resultaron premiados un proxecto do Laboratorio de Consumo de Galicia para o desenvolvemento dunha aplicación móbil para mellorar o labor de inspección e control dos produtos á venda no mercado e unha iniciativa de Augas de Galicia centrada na xestión avanzada dos recursos hídricos galegos. Na primeira edición, en 2019, resultaron premiados proxectos centrados no uso de vehículos compartidos na Administración autonómica; a utilización de impresión 3D no Laboratorio de Consumo e un sistema de mellora de procesos e fluxos administrativos da Universidade de Santiago de Compostela.

Data de actualización: 25/08/2023