A economía galega medrou un 1,5 % no segundo trimestre de 2023

O PIB galego creceu un 0,1 % en relación ao primeiro trimestre do ano

O emprego medrou un 1,9 %, cun incremento de 19.349 postos de traballo en relación ao mesmo trimestre de 2022

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2023 A economía galega medrou un 1,5 % no segundo trimestre de 2023 en relación ao mesmo período do ano anterior, como se desprende da información da contabilidade trimestral referente a este período, publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). En canto á evolución intertrimestral, de abril a xuño de 2023 o PIB autonómico aumentou un 0,1 %.

Desde o punto de vista da demanda, no último ano, o consumo público aumentou un 3,4 % e a formación bruta de capital medrou un 2,4 %. No que respecta á oferta, a construción medrou un 3,6 %; a industria un 1,8 % e os servizos un 1,4 %, cun maior incremento no apartado de actividades artísticas, recreativas e outros servizos (4,4 %).

Crecemento do emprego

Ademais, os datos de contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego –medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- medrou no segundo trimestre un 1,9 %, o que supón un incremento de 19.349 postos respecto ao mesmo trimestre do ano anterior.

Por ramas de actividade, o emprego creceu un 5,6 % no sector primario, un 2,1 % na construción; e un 1,6 % tanto no sector da industria como no sector servizos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/08/2023