O delegado destaca o gran crecemento do rally de Portas durante a presentación da súa 3ª edición

A Xunta está decidida a seguir apoiando este deporte para que Galicia siga sendo un referente nacional

Está previsto que participen máis de 90 vehículos que percorrerán en cinco ocasións un tramo de 11 quilómetros entre pistas de terra e asfaltadas

Portas, 23 de agosto de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou na presentación do III Rallymix de Portas, un acontecemento que terá lugar esta fin de semana e que concentrará en Portas a centos de persoas, entre aficionados e corredores e que conta co apoio da Xunta de Galicia.

 

Á presentación, que tivo lugar na bodega Terras de Lataño, patrocinadora do evento, acudiu o alcalde de Portas, Ricardo Martínez Chantada; o presidente da escudaría Portas Motor, Alberto Alonso; o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez; e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

 

Durante a súa intervención, Reguera agradeceu o gran traballo de todos os involucrados, que en apenas tres anos conseguiron “poñer a Portas no mapa dos Rallys, cun evento que cada ano gaña adeptos e que trae moita vida ao Concello”. Ademais, o delegado territorial lembrou que “dende a Xunta somos conscientes de que este é un deporte que move unha gran afición, unha afición que ademais está moi unida e que promove un ambiente moi san. Estamos dispostos a facer todo o posible para que Galicia siga sendo un referente a nivel nacional”.

 

O Rallymix Portas é un rally mixto, xa que o tramo conta cunha parte de terra e outra de asfalto. Nesta ocasión, pese a que o trazado atopase principalmente dentro dos límites do concello de Portas, os corredores terán que cruzar durante algúns metros ao concello de Barro. Esta será a edición con maior participación das que se celebraron ata o momento. Está previsto que compitan máis de 90 vehículos entre os ‘Carcross’ e os coches carrozados.

 

Así, durante toda a fin de semana os vehículos estarán percorrendo un tramo de preto de 11 quilómetros, dos cales o 80 % corresponde a pistas de terra. En total, cada vehículo terá que facer o recorrido cinco veces, tres o sábado e dúas o domingo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/08/2023