O conselleiro de Cultura, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, visita distintas obras de mellora nos concellos ourensáns de Bande e Muíños

Román Rodríguez salienta o investimento da Xunta en materia educativa e patrimonial no rural galego

O Goberno autonómico inviste 400.000 euros na rehabilitación da Igrexa de Santa Comba de Bande, que afronta o seu último impulso para usos culturais e turísticos

O Colexio de Muíños estrea unha nova pista multideporte para fomentar hábitos de vida saudables e tamén nese concello se actuará en distintos bens patrimoniais
 

Bande (Ourense), 24 de agosto de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou hoxe o compromiso da Xunta co rural galego, dotando por un lado, aos centros educativos de infraestruturas “que garantan a igualdade de condicións e a mesma calidade educativa que nas cidades” e, por outro, “velando polo rico patrimonio cultural que atesouran estes enclaves rurais” a través de distintas tarefas de conservación, mantemento e rehabilitación dos seus bens.

Román Rodríguez fixo estas declaracións no marco de diferentes visitas que realizou hoxe aos concellos de Bande e Muíños, na Baixa Limia, onde estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, para comprobar o estado dalgún dos proxectos que impulsa o seu departamento.

En Bande, comprobou os avances do proxecto de rehabilitación na casa reitoral de Santa Comba que conta cun investimento de 400.000 euros da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Turismo de Galicia e o Concello. Neste sentido, estanse solucionando diferentes dificultades administrativas que xurdiron durante o proceso, que trouxo consigo un cambio nos prazos. A intención é que as obras se reinicien neste último trimestre do ano para que o proxecto estea rematado en 2024.

“Este é probablemente un dos mellores exemplos da arquitectura hispanovisigótica da Península Ibérica, un dos 781 BICs galegos e, sen dúbida, a súa rehabilitación potenciará a Baixa Limia xunto a outros bens consolidados como o conxunto arqueolóxico Aquis Querquennis”, indicou. As actuacións encamiñaranse a eliminar barreiras arquitectónicas e á mellora da calidade do entorno “dinamizando o territorio economicamente a axudando a fixar poboación coa actividade cultural e turística”, expresou.

Como recordou, estas actuacións dan continuidade ás intervencións levadas xa a cabo na igrexa nos últimos anos co impulso da Xunta para mellorar as condicións de humidade cun investimento que naquel momento superou os 72.000 euros. “A conservación do patrimonio cultural é un dos principais obxectivos do Goberno autonómico e así o demostra o incremento nun 14% nos orzamentos neste eido, así como o máis de centenar de intervencións en marcha nestes momentos en toda Galicia”, engadiu.

Instalacións deportivas

Román Rodríguez visitou tamén o Colexio CEIP Valle-Inclán de Muíños que vén de mellorar a súas infraestruturas deportivas cunha nova pista multideporte para promover hábitos saudables entre o alumnado. É unha das cinco deste tipo que a Xunta pon en marcha na provincia de Ourense e das máis de 30 en toda Galicia ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

Román Rodríguez aludiu á complicidade que se está a atopar nos concellos galegos para promover que os nenos fagan deporte e tamén “se poida gañar un novo espazo para a veciñanza fóra do horario escolar” con estas infraestruturas. A pista multideporte súmase ao investimento de máis de 430.000 euros que a Xunta de Galicia ten feito no colexio de Muíños nos últimos anos para distintas actuacións como mellorar a carpintería e luminarias. Ademais, este ano estase a realizar a renovación de fontanería e do muro de contención, así como saneamento na zona da pista polideportiva.

Na súa visita a este concello ourensán, Román Rodríguez referiuse tamén ao apoio que o seu departamento realizará este ano no eido patrimonial para que se poidan levar a cabo antes de final de ano distintas tarefas de escavación e investigación na mámoa de Maus e a restauración e posta en valor do foxo do lobo de Requiás para a súa divulgación e sinalización.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/08/2023