Sanidade aborda cos profesionais a ampliación do centro de saúde de Baltar para licitar o proxecto

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reuniuse en Sanxenxo cos profesionais do centro de saúde, o xerente da área sanitaria, técnicos municipais e da Axencia Galega de Infraestruturas

A ampliación prevé aumentar en oito novas consultas o espazo do centro de saúde nunha nova planta

Os actuais orzamentos da Xunta reservan 400.000 euros para o proxecto de ampliación

Sanxenxo (Pontevedra), 24 de agosto de 2023 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantivo esta mañá en Sanxenxo unha xuntanza para abordar cos profesionais as melloras que implicará a ampliación do centro de saúde de Baltar.

Ademais de representantes e técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, do Concello e profesionais do centro de saúde, ao encontro asistiron o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores. Segundo sinalou o conselleiro de Sanidade, “a reunión foi moi produtiva, escoitamos os profesionais nas súas demandas e neste ano iniciaremos o proceso de licitación do proxecto arquitectónico”.

Desta forma, definíronse as necesidades que serán recollidas no prego de condicións do proxecto arquitectónico que Sanidade lle encomendou á Axencia Galega de Infraestruturas. Entre outras, a ampliación do centro de saúde de Baltar permitirá contar con oito novas consultas, maior espazo para a docencia ou novos vestiarios nunha nova planta.

Para isto, o Goberno galego reservou un total de 400.000 euros nos actuais orzamentos da Xunta para gañar máis de 900 m2 no centro de saúde de Baltar, chegando a un espazo que superará os 2.500 m2.

Esta obra continuará coa liña de melloras que xa realizaron nos últimos anos no centro de saúde de Baltar, entre as que destacan a renovación das estancias interiores con melloras nos falsos teitos e a instalación de luminarias de eficiencia enerxética, a renovación da cuberta do pavillón oeste do centro ou os traballos de mellora acometidos na rede de sumidoiros.

Ademais das obras de ampliación, o centro de saúde de Baltar aumentou o seu cadro de persoal este ano cunha praza de nutricionista de nova creación e o pasado ano coa incorporación dun novo profesional médico con praza fixa, tras serlle adxudicada unha das 106 prazas de facultativo especialista en atención primaria que o goberno galego ofertou a través do concurso de méritos para cubrir postos vacantes en centros de difícil cobertura.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/08/2023