A Xunta potencia con 1,1 M€ a calidade das prazas de abastos galegas

A Consellería de Economía, Industria e Innovación vén de resolver os apoios dos que se benefician 14 concellos galegos, así como 17 asociacións de praceiros e a Federación de Prazas de Abastos de Galicia (Fepragal)

As axudas para concellos céntranse na mellora das instalacións, os servizos para a clientela, o equipamento comercial e a eficiencia enerxética

No caso das asociacións e federacións de comerciantes, incentívase a posta en marcha de accións de dinamización comercial e fidelización da clientela, entre outros

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2023 A Consellería de Economía, Industria e Innovación vén de conceder apoios por 1,1 millóns de euros a través da convocatoria para o impulso dunha Rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización das prazas de abastos, da que se benefician 14 concellos galegos, así como 17 asociacións de praceiros e a Federación de Prazas de Abastos de Galicia (Fepragal).

Con esta iniciativa búscase potenciar as prazas de abastos atendendo ás necesidades tanto dos comerciantes como das persoas consumidoras. Así, entre os principais obxectivos atópanse aproveitar a situación estratéxica dos mercados e potenciar estes espazos como o mellor escaparate do produto galego de calidade, vinculándoos ao entorno no que se integran, ao produto local e a valores como a sustentabilidade, a protección do medio ambiente e o trato personalizado. Do mesmo xeito, apóstase por mellorar a súa accesibilidade, acadar a súa modernización e dixitalización e incrementar os servizos que se prestan á clientela.

No caso dos concellos, os apoios céntranse na mellora das instalacións, dos servizos para a clientela, o equipamento comercial e a eficiencia enerxética. As axudas chegan ata o 80 % do investimento subvencionable, dependendo do tipo de actuación a desenvolver.

Con respecto das axudas para as asociacións de prazas de abastos e mercados apóiase o mantemento dos marketplaces; a dinamización comercial; actuacións de fidelización da clientela, como a loxística e-commerce ou as aplicacións móbiles con puntos de desconto ou similares; o equipamento persoal dos praceiros coa imaxe común e corporativa do mercado e o equipamento dos postos; e o funcionamento das unidades xerenciais.

No que respecta á Federación das Prazas de Abastos de Galicia (Fepragal) obtivo apoios para o mantemento do marketplace e as accións de dinamización comercial.

Data de actualización: 24/08/2023