Lete celebra o centenario do Celta destacando os valores e os principios que leva transmitindo aos galegos e galegas dende a súa fundación

Destaca que o Celta seguirá colleitando novos obxectivos grazas á ‘Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360’ que hai apenas un mes o Consello da Xunta tomaba razón da súa aprobación inicial do proxecto de interese autonómico

Mos (Pontevedra), 23 de agosto de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu na mañá de hoxe ao acto do centenario do Real Club Celta de Vigo celebrado na Cidade Deportiva Afouteza, con motivo do século de vida que cumpre o club olívico nado da fusión dos dous principais clubs da cidade -o Real Fortuna e o Vigo Sporting- o 23 de agosto de 1923. O acto tamén contou coa presencia da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz e outros membros do Goberno galego.

O responsable do Deporte galego destacou que “toda historia ten un principio” e, nese sentido, gavou a figura de Manuel de Castro ‘Hándicap’, “artífice da creación do Celta” den 1923. Lete Lasa lembrou a participación de ‘Hándicap’ en tres Xogos Olímpicos -nos de 1920 foi un dos adestradores que conseguiu a medalla de prata da selección española de fútbol- e asegurou que eses valores do olimpismo como “o esforzo, a responsabilidade ou a ética foron os que fundaron a filosofía do Celta que co paso dos anos foi chamada afouteza e corazón, ou máis recentemente, a oliveira dos cen anos”.

O secretario xeral para o Deporte destacou que ao longo destes cen anos, o Celta ten conseguido grandes obxectivos como as xestas europeas que asombraron a todo o mundo nos anos 90 e nos inicios do milenio; está a conseguir obxectivos como a loita do filial por ascender ao fútbol profesional ou a permanencia do primeiro equipo na Primeira División; e, de seguro, seguirá colleitando novos obxectivos grazas á ‘Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360’ que hai apenas un mes o Consello da Xunta tomaba razón da súa aprobación inicial do proxecto de interese autonómico.

Lete Lasa destacou este proxecto de gran importancia para o deporte galego como un proxecto de educación, de innovación, de desenvolvemento do sistema deportivo, de motor da industria do deporte e da súa tecnoloxía, dun gran centro de servizos de lecer. E o que é máis importante, dixo, un proxecto para crear os primeiros equipos femininos do Celta, nun momento no que o fútbol feminino español e galego está a mostrar un excepcional crecemento.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/08/2023