A Xunta financiou con máis 100.000 euros o campamento de conciliación familiar ‘Cuntilín’ en Cuntis

O Plan Corresponsables deixou máis de 360.000 euros na comarca de Caldas destinados a plans de conciliación familiar

O delegado territorial visitou o Programa Cuntilín e destacou a importancia destas iniciativas durante as vacacións escolares

Cuntis, 23 de agosto de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o Programa Cuntilín, unha iniciativa financiada grazas ao Plan Corresponsables da Xunta e que busca mellorar a conciliación familiar dos veciños e veciñas de Cuntis.

 

O Plan Corresponsables no ámbito local financiou con 102.093 euros esta iniciativa que durante o verán mantivo a decenas de cativos entretidos e gozando de todo tipo de actividades deportivas e de lecer. Máis alá do Concello de Cuntis, o Plan Corresponsables deixou na comarca de Caldas máis de 360.000 euros destinados a facilitar a organización interna das familias. O total en iniciativas relacionadas coa conciliación e a actividade infantil na provincia de Pontevedra a través do Plan Corresponsables superou o millón de euros.

 

Xunto ao novo xefe territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, José Antonio Rodríguez, e ao alcalde de Cuntis, Manuel Campos, o delegado destacou os grandes resultados desta iniciativa. “Cada vez é máis necesario que as institucións ofrezan alternativas de conciliación ás familias. Sabemos que as vacacións escolares poden supoñer para moitos un problema de organización familiar e por iso este tipo de iniciativas financiadas grazas ao Plan Corresponsables son tan importantes, porque non só supoñen unha axuda para os pais e nais, senón que tamén ofrecen unha alternativa de ocio para moitos mozos e mozas que despois de todo o curso merecen gozar do verán”.

 

A visita tivo lugar no C.P.I Aurelio Marcelino Rey García, onde decenas de nenos e nenas pasaban unha mañá de xogos cos seus amigos. O Programa Cuntilín arrincou o 22 de xuño e prolóngase ata o día 8 de setembro, coincidindo coa volta ás aulas de moitos dos participantes. Durante este tempo os beneficiarios desta iniciativa participaron en actividades, xogos e visitas lúdicas dende as 9.00 ata as 14.00 horas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/08/2023