A Xunta comeza as obras da nova rotonda na intersección da estrada OU-540 coa autovía A-52, no concello de Barbadás, cun investimento de 485.000 €

As actuacións, cun prazo de 4 meses, teñen como obxectivo a transformación da actual intersección no quilómetro 4+200 da OU-540, nunha glorieta

Estas intervencións complementaranse coa renovación da capa de rodaxe e as marcas viarias neste treito

Adecuarase a sinalización horizontal e vertical á nova solución e habilitaranse gabias de seguridade para retirar os sistemas de contención existentes actualmente

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2023 A Xunta comeza as obras da nova rotonda na intersección da estrada autonómica OU-540 coa autovía A-52, no concello de Barbadás, que suporán un investimento de 485.000 euros.

Esta intervención de mellora da seguridade viaria conta cun prazo de execución de 4 meses.

O obxectivo é actuar na actual intersección en “T” da vía da Xunta co ramal de acceso á autovía das Rías Baixas, que xa está funcionando de maneira provisional como glorieta, acadándose unha mellora importante na seguridade viaria nesta contorna.

As obras consisten na transformación da actual intersección no quilómetro 4+200 da OU-540, nunha glorieta, que se complementará coa renovación da capa de rodaxe e as marcas viarias entre os quilómetros 2+995 e o 4+750.

Tamén se realizarán a adecuación da sinalización horizontal e vertical á nova solución, e a transformación de varias gabias profundas en gabias de seguridade, para poder retirar os sistemas de contención existentes neses tramos.

Estas actuacións non implican a realización de expropiación algunha, xa que todas as obras están incluídas dentro da franxa de dominio público.

Data de actualización: 23/08/2023