Galicia destina este ano máis de 2,7 M€ a apoiar os plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros

As axudas pretenden compensar os gastos nos que incorreron estas entidades para o deseño e execución das estratexias desenvolvidas en 2022 incluíndo custos de persoal, material, equipamentos ou desprazamentos, entre outros

A convocatoria, que sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, establece que o importe da achega financeira pode ser de ata o 12% do valor medio anual da produción das OPP durante os tres anos anteriores á aprobación dos seus plans

A Consellería do Mar convocará tamén nos vindeiros días os apoios á creación de organizacións de produtores pesqueiros de ámbito autonómico e das súas asociacións cun orzamento de 200.000 euros

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2023

As organizacións de produtores pesqueiros (OPP) do sector dos produtos da pesca e da acuicultura de Galicia teñen este ano á súa disposición máis de 2,7 millóns de euros en axudas para compensar os gastos nos que incorreron para a preparación e aplicación dos seus plans de produción e comercialización, aprobados e executados durante 2022. Así o recolle a orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria destas achegas ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e que sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Destas axudas poderán beneficiarse as organizacións de produtores pesqueiros con ámbito de actuación en Galicia, recoñecidas pola comunidade e inscritas no Rexistro de Organizacións de Produtores Pesqueiros creado ao abeiro da normativa pola que se regulan estas entidades.

A achega financeira aos plans de produción e comercialización das OPP pode ser de ata o 12% do valor medio anual da produción da entidade durante os tres anos naturais anteriores á resolución de aprobación do plan, unha porcentaxe que cuadriplica a vixente ata 2020 -do 3%- froito dos cambios introducidos no FEMP para adaptarse ás dificultades derivadas da alerta sanitaria polo coronavirus e co obxectivo de impulsar a actividade do sector marítimo-pesqueiro.

Esta liña de apoio ten como obxecto subvencionar os investimentos realizados durante o período de execución dos plans así como os derivados da súa preparación. Entre os gastos susceptibles de contar con achegas están os de persoal, material, equipamentos ou desprazamentos vencellados co desenvolvemento dos plans.

As organizacións interesadas en solicitar as axudas poden consultar os requisitos e a documentación necesaria na orde que publica o DOG. A presentación das solicitudes, para a que hai un prazo dun mes a contar desde mañá, realizarase por medios electrónicos a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal.).   

Axudas á creación

A estas achegas sumarase nos vindeiros días a convocatoria de apoios á creación de OPP e de Asociacións de Organizacións de Produtores Pesqueiros (AOP) para o ano 2023 cun orzamento de 200.000 euros. Estas axudas, que sairán publicadas tamén no DOG, están dirixidas a aquelas entidades que se creasen hai menos de cinco anos co obxectivo de apoialas no seu nacemento, impulsar a súa actividade e facelas competitivas.

Delas poderán beneficiarse as OPP e AOP recoñecidas como tales na comunidade despois do 1 de xaneiro de 2014, que estean inscritas no Rexistro de Organizacións de Produtores Pesqueiros ou no de asociacións destas entidades e que non teñan recibido nos primeiros cinco anos desde o seu recoñecemento o total das axudas á creación destas organizacións profesionais.      

As OPP

O marco normativo europeo actual reforza as actividades das organizacións profesionais da pesca e da acuicultura e facilita a axuda financeira necesaria para que poidan desempeñar un cometido máis importante na xestión, exercendo as súas actividades pesqueiras e da acuicultura de forma sustentable e mellorando a comercialización dos produtos.

Os seus plans de produción e comercialización inclúen, entre outros aspectos, o programa de produción para as especies capturadas, a estratexia para adaptar a cantidade, calidade e presentación da oferta ás exixencias do mercado e medidas preventivas especiais de adaptación da oferta para as especies que presenten dificultades de comercialización durante o ano.

As actuacións previstas nestes plans das OPP pretenden impulsar a actividade do sector e o seu desenvolvemento, o que contribúe a xerar emprego e riqueza no ámbito de actuación das organizacións de produtores pesqueiros e redunda en beneficio do conxunto da economía galega.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 23/08/2023