A Xunta destina 2,7 M€ á contratación de máis de 1.000 mulleres sen emprego en sectores con potencial como o emprego verde e dixital e o dos coidados

Cada entidade beneficiada recibirá ata 4.215 euros por cada traballadora que acade unha efectiva inserción laboral e cada participante recibirá un incentivo de 400 euros

A iniciativa trata de fixar poboación e dinamizar as economías locais favorecendo as mulleres residentes en municipios con menos de 5.000 habitantes

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o programa que forma parte das medidas específicas de apoio ao emprego das mulleres, dotadas neste ano con máis de 16 millóns de euros

O prazo de solicitude prolongarase desde mañá ata o vindeiro día 16 de outubro
 

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que destina 2,7 millóns de euros á contratación de mulleres sen emprego en sectores con potencial como o emprego verde e dixital e o dos coidados. Mediante esta iniciativa, a Xunta ofrecerá itinerarios individualizados para que máis de mil mulleres desempregadas, principalmente de concellos pequenos de ata 5.000 habitantes, poidan mellorar a súa capacitación e incrementar as súas oportunidades laborais.

Estas achegas permiten que entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro desenvolvan programas de emprego en feminino, co obxectivo de garantir a inserción laboral das mulleres e de que poidan participar na dinamización económica das áreas menos poboadas, fixando poboación.

Para garantir a participación destas mulleres, as traballadoras recibirán un incentivo de 400 euros, que se canalizará a través das entidades locais organizadoras, que se inclúe nas achegas de 1.715 euros por participante que poderán recibir, para dar cobertura, ademais, aos gastos técnicos, de material, de publicidade, de formación do persoal, etc. nos que poidan incorrer. A esa contía engadiranse outros 2.500 euros por muller inserida no mercado de traballo ao finalizar as accións.

Para obter estas axudas, as entidades interesadas no desenvolvemento dos programas deberán acreditar experiencia na realización de accións de acompañamento personalizado a persoas desempregadas en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia de polo menos un ano no último lustro. O prazo de solicitude prolongarase desde mañá ata o vindeiro día 16 de outubro.

As destinatarias finais destes programas serán as mulleres desempregadas inscritas como demandantes no Servizo Público de Emprego de Galicia e residentes, preferentemente, en municipios de ata 5.000 habitantes, que, á vez, presenten necesidades de cualificación ou recualificación formativa ou profesional para poder acceder a un sector laboral concreto. Coa medida agárdase chegar a unhas 1.047 mulleres, un terzo delas residentes neses concellos máis pequenos.

A orde de axudas, que se financia con fondos europeos a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), garantirá o apoio a mulleres en desemprego por medio de programas que combinarán accións de orientación laboral co asesoramento, a información, a formación e a adquisición de competencias e habilidades. A formación a impartir dirixirase a mellorar a capacitación para postos de traballo con boas perspectivas territoriais, derivados das necesidades do mercado laboral rural e urbano no que se desenvolve a iniciativa.

Tanto os itinerarios como a cobertura de postos de traballo resultante da súa execución orientarase, entre outros, cara ao emprego verde e dixital, ao eido dos coidados de longa duración, emprendemento e economía social, enerxías renovables, tratamento de augas e residuos, aproveitamentos forestais e agrarios sustentables, economía circular ou dixitalización de servizos. Porase o foco, así mesmo, nas oportunidades que brindan iniciativas de desenvolvemento local rural e sustentable (xestión do patrimonio, actividade turística, emprendemento e economía social con dimensión local e verde, produtos endóxenos) e que faciliten a cohesión social (atención da dependencia, intervención con colectivos vulnerables, etc.).

As accións terán unha duración de doce meses. Con elas aspírase a que as mulleres adquiran a cualificación necesaria para aumentar as posibilidades de acceso ao traballo e, ao mesmo tempo, reforzar o desenvolvemento produtivo das zonas rurais, loitar contra a fenda de xénero e promover a permanencia das mulleres no territorio.

Este programa da Xunta enmárcase nas medidas específicas de apoio ao emprego das mulleres polas que o Goberno galego está a apostar este ano cun orzamento de máis de 16 millóns de euros para apoios integrais de cara ao acceso, o mantemento, a consolidación e a promoción profesional do colectivo feminino.

Ligazón á orde no DOG:

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/08/2023