A Xunta reforzará as frecuencias de autobús durante as festas de Ferrol con 2 servizos nas madrugadas dos días 26, 27 e 30 de agosto e do 1 de setembro

Habilitaranse 2 servizos especiais desde a praza de Galicia ata Freixeiro ás 00,30 e 1,30 horas

Esta liña pasará polo barrio de Caranza e incluirá un total de 22 paradas

A Xunta está a facilitar alternativas de viaxe en transporte público co propósito de reducir os riscos da condución nocturna e minorar o impacto medioambiental e sobre o tráfico

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2023

A Xunta reforzará as frecuencias de autobús durante as festas de Ferrol, nas madrugadas do sábado 26, do domingo 27 e do mércores 30 de agosto, así como na madrugada do venres 1 de setembro.

Nestas catro madrugadas, que son nas que se prevé maior afluencia de público ás festas, a Xunta habilitará servizos especiais que permitirán regresar desde a cidade de Ferrol a distintos puntos da contorna. Estes servizos partirán desde a praza de Galicia ata Freixeiro ás 00,30 e 1,30 horas.

A liña pasará polo barrio de Caranza e incluirá 22 paradas: praza de Galicia, praza Callao, praza de España, Mercado Recimil, Esteiro, Antonio Escaño, Farmacia Caranza, Casa do Deporte, Auditorio, Telleiras, Esteiro, O Inferniño, Faxardo Ec, San Xoán, Rotonda San Xoán, Castelos, Vivendas da Mariña Narón, Colexio Chamorro, A Ferrolana, Alto Castiñeiro, Concello de Narón e Freixeiro, Discoteca Ink.

Coa posta en marcha destes servizos especiais, a Xunta facilita mellores alternativas de viaxe en transporte público, reducindo os riscos da condución nocturna despois de xornadas de lecer, diminuíndo o tráfico e con isto o impacto ambiental.

Os menores de 21 anos poden viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova, ao igual que fan en todos os autobuses da Xunta.

Os demais usuarios do transporte público da Xunta poden beneficiarse dos descontos do emprego da tarxeta TMG.

A información dos horarios dos servizos e as súas paradas poderán ser consultadas na web www.bus.gal.

Data de actualización: 22/08/2023