A Xunta licita as obras da senda cara ao Hospital Clínico Universitario de Santiago desde o novo itinerario o Milladoiro-Intermodal, cun investimento de preto de 1 millón de euros

Executarase un itinerario de 1.130 metros no eixe Conxo-Hospital Clínico, entre o antigo túnel de Adif e o barrio de Santa Marta, unindo numerosos puntos de interese

A nova intervención divídese en tres subtreitos, unindo o primeiro o túnel de Adif e o río Sar; o segundo, ata o disuasorio de Santa Marta; e logo ata a avenida da Liberdade

Trátase da terceira actuación no marco da creación do itinerario que conectará O Milladoiro, o hospital, a intermodal e o complexo de San Caetano, case 13 km cun investimento global da Xunta de preto de 12 millóns de euros

As empresas interesadas na execución destas obras poderán presentar ofertas ata o 19 de setembro
 

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2023

A Xunta licita as obras do treito de senda de acceso ao Hospital Clínico Universitario de Santiago desde o novo itinerario entre O Milladoiro e a estación intermodal, cun investimento de preto de 1 millóns de euros.

A Plataforma Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe esta contratación, establecendo que as empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o 19 de setembro.

Trátase dun itinerario de 1.130 metros, que permitirá a circulación de peóns, ciclistas non deportivos e vehículos de mobilidade persoal no eixe Conxo-Hospital Clínico.

Esta senda comezará no antigo túnel de Adif e finalizará na avenida da Liberdade, no barrio de Santa Marta, nas proximidades do centro hospitalario.

O itinerario divídese en tres subtreitos, conectando o primeiro o túnel de Adif e o río Sar; o segundo, ata o aparcadoiro disuasorio de Santa Marta; e o terceiro ata a avenida da Liberdade.

Tras a análise das achegas recibidas durante o trámite de información pública, vaise proceder á segregación do itinerario peonil e ciclista nos treitos nos que sexa viable, como son a conexión directa en baixada desde o itinerario do treito O Milladoiro-estación intermodal, e o treito comprendido entre o quilómetro 0+390 e 0+980.

Adaptarase o trazado na contorna do cruce sobre o río Sar, de xeito que o itinerario tanto peonil como ciclista aproveiten a pontella existente, suprimindo a pasarela prevista no proxecto de trazado sometido a información pública e evitando así a implantación dun novo itinerario na zona inundable deste río.

Atendendo ás suxestións presentadas polo Concello de Santiago, de reducir a ocupación nos ámbitos DM-2 e ZL-5 do Plan Parcial do SUP-6 de Santa Marta, tamén se vai axustar o trazado no treito final, eliminando a franxa verde de separación entre a beirarrúa e o carril bici.

Esta é a terceira actuación no marco da creación do novo itinerario que conectará O Milladoiro, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a intermodal e o complexo administrativo de San Caetano: case 13 km que suporán un investimento de case 12 millóns de euros.

En concreto, os dous primeiros tramos, cuxas obras están xa licitadas, correspóndense co tramo da conexión entre O Milladoiro e a estación intermodal; e o segundo treito, co itinerario desde a rúa Clara Campoamor, na estación intermodal, ata San Caetano.

Estas intervencións, promovidas pola Xunta ao abeiro do programa europeo dos Fondos Next Generation, teñen como obxectivo favorecer desprazamentos menos contaminantes nas cidades galegas e nas súas contornas.

Data de actualización: 22/08/2023