A Xunta incorpora 123 docentes máis e completa así a oferta pública de emprego 22-23 dotada con 4000 prazas

O Diario Oficial de Galicia publicará mañá a resolución definitiva das últimas probas realizadas este verán a través de concurso-oposición

Ademais, incorporaranse ao sistema como funcionarios 1.161 persoas a través do concurso de méritos concluído con ano e medio de antelación

Coa culminación destes procesos, Galicia continuará sendo a comunidade cunha menor taxa de interinidade e sigue nos mellores postos de rateo profesor/alumno

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2023

A Xunta de Galicia completa o proceso da oferta pública de emprego do profesorado con case 4.000 prazas nos últimos dous anos coa publicación dos resultados do concurso-oposición deste ano 2023. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá o resultado deste proceso, ao que se presentaron algo máis de 5.000 persoas e no que se cubriron 123 das 125 prazas ofertadas.

O concurso-oposición polo sistema transitorio adxudicou prazas en 54 especialidades nos corpos de profesores de ensino secundario (87 prazas), mestres (17 prazas), especialistas en sectores singulares de FP (6 prazas), escolas oficiais de idiomas (7 prazas), música e artes escénicas (1 praza) e artes plásticas e deseño (5 prazas).

En concreto, só quedaron desertas a praza de ruso (para escolas oficiais de idiomas) e unha no corpo de profesores de Ensino Secundario de Matemáticas.  

Especialidades
Prazas

Ensino Secundario

87
Mestres
17

Formación Profesional

6

Escolas oficiais de idiomas

7

Música e artes escénicas

1

Artes plásticas e deseño

5
TOTAL
123

Tres procesos culminados

Este é o último dos procesos comprometidos pola Consellería de Educación para as case 4.000 prazas nos últimos dous anos a través de tres procesos: 2.628 das oposicións libres acumuladas de 2021 e 2022, 1.161 do concurso de méritos e agora 123 polo concurso-oposición polo sistema transitorio. De xeito paralelo, resolveuse a integración de 1.014 profesores técnicos de FP no corpo de profesores de Secundaria.

Precisamente, no relativo ao concurso de méritos, o DOG resolve tamén a incorporación como funcionarios de carreira de cinco persoas máis a través deste proceso, estimando as súas alegacións ao resultado do mesmo. Resólvese tamén, de xeito definitivo, o concurso de adxudicación de destinos provisionais habitual para o vindeiro curso.

Rateos e investimento

Coa culminación destes procesos, Galicia continuará sendo a comunidade autónoma cunha menor taxa de profesorado interino e, ao mesmo tempo, volverá manterse nos postos de cabeza nas rateos alumno/profesor, con 9,8 fronte á media estatal de 11,4.

Dentro desta aposta por un ensino de calidade, Galicia contará o vindeiro curso con máis profesorado e máis aulas a pesares de perder case 2.000 alumnos. Isto é posible grazas a que, por terceiro ano consecutivo, a Consellería de Educación ten o orzamento máis alto da súa historia, con case 2.900 millóns de euros e lidera o investimento por alumno en España.

O ensino galego é referencia en España e na UE grazas ás políticas estables desde fai anos. Así o avalan os resultados do informe PISA, a importante caída do abandono escolar a cifras históricas ou as estatísticas do Ministerio e mesmo estudos realizados polos sindicatos, que sitúan o noso sistema educativo como o 3º mellor de España.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/08/2023