O delegado territorial da Xunta supervisa as obras do CEIP Baños de Molgas, nas que a Xunta inviste preto de 25.000 euros

As obras consisten na adaptación de dúas aulas en salas de psicomotricidade para os alumnos de educación infantil e o arranxo do solado existente de baldosa noutra aula e nunha zona común dos profesores

Gabriel Alén destacou que todas as novas intervencións que promove a Xunta en infraestruturas escolares están en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia

Ourense, 21 de agosto de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao CEIP Baños de Molgas para, acompañado do alcalde, Manuel Fernández, supervisar o estado das obras de adaptación de dúas aulas en salas de psicomotricidade para os alumnos de educación infantil e o arranxo do solado existente de baldosa noutra aula e nunha zona común dos profesores nas que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades inviste preto de 25.000 euros.

O delegado territorial destacou que todas as novas intervencións que promove a Xunta en infraestruturas escolares apostan por un modelo de centros “ao servizo da aprendizaxe e da convivencia, con espazos accesibles, saudables e cómodos nos que o alumnado poida estudar, socializar, xogar, facer deporte...”, en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.

Dito Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica arrancou en 2021 cunha inxección inicial de 191M€ que, posteriormente, foi ampliada ata os 243M€ para facer fronte ás necesidades dos centros educativos. Na actualidade suma 421 grandes obras en Galicia, das que 223 están xa executadas e 111 actuacións que están actualmente en marcha ou a piques de ser licitadas.

As obras

As obras consisten na demolición dos tabiques divisorios entre aulas e demolición de solado existente. Estase a proceder á renovación de iluminación con desmontaxe e retirada das actuais e colocación de luminaria no regulable 60x60 led. Así mesmo, tamén se traballa no subministro e na colocación de tarima flotante con parte proporcional de rodapé. A continuación, levarase a cabo a modificación da instalación de calefacción existente afectada pola unión das aulas.

En canto á renovación do chan das aulas, xa se demoleron as baldosas actuais e principiou a colocación do novo pavimento de terrazo así coma a súa parte proporcional de rodapé.

O delegado territorial lembrou tamén actuacións recentes que se levaron a cabo no centro como foi a substitución do pavimento de dúas aulas e a rehabilitación completa de dous baños.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/08/2023