Martina Aneiros anima a solicitar as axudas da Xunta de ata 15.000 euros para a adquisición de vivendas en centros históricos antes do 2 de outubro

Aneiros destaca que a través desta liña de financiamento a Xunta concedeu en 2022 nove axudas valoradas en 83.600 euros nos concellos de Ferrol, Pontedeume e San Sadurniño

“Esta iniciativa pretende contribuír a revitalizar os cascos históricos das cidades, favorecendo que a xente se queira quedar a vivir neles, á vez que promove a recuperación do patrimonio xa construído e facilita o acceso a unha vivenda”, salienta a delegada

Ferrol, 21 de agosto de 2023 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, lembrou que a Xunta ten aberto ata o próximo 2 de outubro o prazo de solicitude das axudas de ata 15.000 euros para a adquisición de vivendas en centros históricos. Acompañada da xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Cristina Carrión, Aneiros visitou esta mañá un inmoble na rúa de Baterías, en Ferrol Vello, adquirido o ano pasado cunha destas axudas que o Goberno galego convoca por quinto ano consecutivo.

Segundo explicou a delegada territorial, “esta iniciativa pretende contribuír revitalizar os casos históricos das cidades, favorecendo que a xente se queira quedar a vivir neles, á vez que promove a recuperación do patrimonio xa construído e facilita o acceso a unha vivenda”. A través desta convocatoria incluída no Pacto social pola vivenda de Galicia 2021-2025, a Xunta de Galicia concedeu en 2022 nove axudas valoradas en 83.600 euros nos concellos de Ferrol, Pontedeume e San Sadurniño.

Aneiros explicou que esta liña de financiamento conta este ano cun orzamento inicial de 500.000 euros. “Trátase de axudas que, con carácter xeral, ascenden a 10.800 euros pero que poden incrementarse ata os 12.800 euros por vivenda se o solicitante é menor de 35 anos e ata os 15.000 euros, no caso de que o inmoble se localice nalgunha das sete áreas Rexurbe declaradas actualmente en Galicia (A Coruña, Mondoñedo, Ribadavia, Tui, Ribadeo, Ferrol e Betanzos)”, salientou a representante do Goberno galego.

A delegada territorial lembrou que ademais de que a vivenda estea situada nun centro histórico, é requisito para poder concorrer a esta liña de axudas que o beneficiario sexa español ou teña a súa residencia legal en España; teña subscrito (con posterioridade ao 15 de novembro de 2022) un contrato privado ou escritura pública de adquisición dunha vivenda xa construída (nova, usada ou pendente de rehabilitación), e os ingresos anuais das persoas que compoñen a unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a 6,5 veces o Iprem (54.600 euros).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/08/2023