Case un milleiro de persoas optan a 89 prazas de policía local en 24 concellos

O DOG publica hoxe a relación definitiva de persoas admitidas ao proceso selectivo, que se someterán ás primeiras probas o próximo 23 de setembro no recinto feiral de Silleda

Os aspirantes que superen todos os exercicios da oposición realizarán un curso selectivo na Academia Galega de Seguridade Pública formando parte da 16ª promoción de Policía Local da Agasp

A Estrada (Pontevedra), 21 de agosto de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as relacións definitivas de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo de acceso por oposición libre nos corpos de policía local. Un total de 986 persoas resultaron admitidas, segundo a listaxe publicada na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

Participarán nos primeiros exercicios do proceso selectivo para cubrir 89 prazas de policía local en 24 concellos da comunidade que se realizarán no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, o próximo 23 de setembro.

A primeira das probas é a de avaliación de coñecementos, que consiste na realización dun test dun cento de preguntas con catro respostas posibles, sobre os 40 temas que compoñen o contido teórico de acceso.

Na mesma xornada e, inmediatamente a continuación da primeira proba, as persoas non exentas terán que someterse ao segundo exercicio da oposición, isto é, a proba de avaliación do coñecemento da lingua galega. Na listaxe de admitidos publicada hoxe na web da Agasp tamén se especifica cales son as persoas que están exentas deste exercicio por contar con certificado de Celga 4 ou equivalente e cales deberán realizalo.

Os aspirantes que superen esta primeira fase continuarán no proceso coas probas de aptitude física, que inclúen exercicios de velocidade, de potencia de trens superior e inferior, de resistencia xeral e de natación. Tamén se levará a cabo unha proba psicotécnica para determinar as actitudes e aptitudes persoais e a súa adecuación ás funcións policiais, así como un recoñecemento médico para garantir que as persoas aspirantes estean nas condicións axeitadas para o desenvolvemento das funcións policiais.

As persoas aspirantes que cheguen ao final do proceso deberán superar o curso selectivo de formación teórica e práctica na Academia Galega de Seguridade Pública. Formarán parte da 16ª promoción de Policía Local da Agasp.

A Xunta coopera desde 2017 cos concellos galegos na selección dos membros dos corpos de policía local,  a través dun convenio de colaboración cos concellos galegos que decidan delegar na Administración autonómica a selección dos seus corpos de Policía Local. Ademais de formar ás promocións de policía local e auxiliares e das categorías de mando, a Agasp é o centro de referencia da formación das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias cun amplo plan de formación continua anual.

Dos 24 municipios que ofertan 89 prazas a través desta convocatoria, a meirande parte son da provincia da Coruña, con A Coruña, Ames, Bergondo, Betanzos, Carballo, Ferrol, Muxía, Narón, Noia, Padrón e Porto do Son. Da provincia de Pontevedra figuran prazas nos municipios de Baiona, Caldas de Reis, Cuntis, Gondomar, Marín, Ponteareas, Redondela, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Vigo e Vilanova de Arousa. A todos estes súmase o de Lugo.

Cómpre engadir que os integrantes da actual 15ª promoción atópanse actualmente de prácticas nos seus concellos e reforzando a vixilancia durante a época estival. Xa superaron a primeira parte da súa formación teórica antes das prácticas e volverán ás aulas en setembro para rematar a súa preparación e poder finalmente ser nomeados persoal funcionario de carreira na categoría de policía nos seus concellos.

Data de actualización: 21/08/2023