A Xunta abre mañá o prazo de solicitude de axudas para desenvolver programas de voluntariado xuvenil e de voluntariado interxeracional no rural

Destínanse máis de 326.000 euros a esta axuda que ten como novidade este ano a posibilidade de realizar proxectos de voluntariado coa participación de xente nova e persoas maiores

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2023  As entidades de acción voluntaria e as entidades locais teñen a partir de mañá e durante un mes aberto o prazo para solicitar axudas co fin de levar a cabo programas de voluntariado xuvenil e de voluntariado interxeracional no rural. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a convocatoria da orde de voluntariado xuvenil, coa novidade de poder facer a maiores proxectos interxeracionais para poñer en valor o medio rural e impulsar novas oportunidades de inserción laboral para a xente nova.

Este exercicio de 2023, o Goberno galego destina máis de 326.000 euros para dar continuidade a orde de voluntariado xuvenil xunto coa proposta de voluntariado interxeracional, cuxa primeira edición tivo lugar o ano pasado. A través dela foméntanse en concellos pequenos e de carácter rural o intercambio de coñecementos e experiencias entre mozos de 16 a 30 anos e persoas maiores de 55.

Ao igual que en convocatorias anteriores do programa de voluntariado xuvenil, financiaranse, de maneira prioritaria, actividades relacionadas co Camiño de Santiago; coa recuperación da cultura, a arte e tradicións populares galegas; accións con colectivos en situación de risco; actividades xuvenís, ambientais e de igualdade de xénero; así como intervencións relacionadas co ámbito familiar, a posta en valor do medio rural e o coidado e benestar dos maiores.

Cohesión tecnolóxica e dixital

Así mesmo, sufragaranse proxectos que contemplen actividades relacionadas co proxecto piloto Talento Interxeracional nas liñas de coidados para evitar o illamento das persoas maiores, a protección do medio ambiente para a recuperación de especies autóctonas e a cohesión tecnolóxica e dixital para favorecer o achegamento ás novas tecnoloxías das persoas maiores (manexo de teléfonos móbiles, apss, relación con entidades bancarias e con servizos sanitarios ou administrativos).

As propostas de voluntariado que se poden acoller a estas axudas deben desenvolverse desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro deste ano. As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e as peticións deberán formularse por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Administración autonómica. Este programa desenvólvese con fondos propios da Comunidade Autónoma e con fondos do Plan de recuperación, transformación e resilencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/08/2023