Galicia iniciará o vindeiro curso escolar 2023/24 con 225.013 alumnos e 11.924 aulas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato nos centros públicos
O número de estudantes baixa de maneira destacada en Infantil e Primaria, mentres que se mantén estable en Bacharelato e sobe lixeiramente na ESO
En total, aumenta a cifra de aulas a pesares de perder case 2.000 alumnos
Recibíronse 15.000 solicitudes de nenos e nenas que entran por primeira vez en 4º de Infantil para 26.000 prazas ofertadas, polo que o 42 % delas quedan libres
Case a totalidade das familias, en concreto o 99,2 %, acadan praza no centro solicitado como primeira opción
Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2023 O curso escolar 2023/24 arrancará en Galicia o vindeiro 11 de setembro cun total de 11.924 aulas para 225.013 alumnos das etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato no sistema educativo público. Isto supón un reforzo do número de unidades para o próximo ano académico en comparación co curso anterior (no que estiveron en funcionamento 11.916 aulas para as ditas etapas) malia rexistrarse case 2.000 matrículas menos (o curso 2022/23 foron 226.811 alumnos).
Por etapas, o número de estudantes descende en Educación Infantil e Primaria, en concreto en 2.643 alumnos menos, e, en menor medida, en Bacharelato, con 115 alumnos menos. Pola contra, a ESO experimenta unha lixeira suba de 960 persoas, en base ás previsións dispoñibles pola Administración na actualidade ata que se peche o proceso.
Alumnado en centros públicos | Curso 2022/23 | Curso 2023/24 | Diferenza |
Infantil + Primaria (inclúe Ed. Especial) | 130.210 | 127.567 | -2.643 |
ESO | 68.578 | 69.538 | +960 |
Bacharelato | 28.023 | 27.908 | -115 |
TOTAL | 226.811 | 225.013 | -1.798 |
A este respecto, precisamente hoxe o Diario Oficial de Galicia publica a modificación do catálogo de unidades do sistema público nas etapas de Infantil e Primaria, que é o resultado da organización atendendo aos datos oficiais de matrícula rexistrados.
Isto supón que preto do 42 % das prazas de novo ingreso ofertadas quedan libres. É dicir, que o 99,2 % do alumnado que solicitou praza en 4º de Infantil nos centros das catro provincias para este curso obtívoa no colexio escollido como primeira opción, polo que practicamente a totalidade das familias escolarizan os seus fillos na escola que demandan.
Tres centros sen matrícula suficiente
Atendendo aos datos de matrícula e ás necesidades de escolarización, cada ano lévanse a cabo as adaptacións necesarias en todo o territorio. Nesta ocasión, debido á insuficiente matrícula por falta de alumnado, deixan de funcionar os centros CEIP de Torrexallóns en Laxe (1 matrícula), CEIP de Pousada Carcacía en Padrón (2 matrículas) e a Escola de Educación Infantil de Carnés en Vimianzo (4 matrículas). Os nenos destes centros teñen xa praza nos colexios de referencia dos seus respectivos concellos.
Os últimos informes a nivel nacional indican que en Galicia o 99,7 % do alumnado de Infantil e Primaria conta con servizo educativo no concello onde reside. Isto supón que só o 0,3 % non dispón del no seu municipio fronte ao 1,2 % de media de España.
Por outra banda, para atender a demanda en determinadas zonas cuxo dinamismo demográfico o fai necesario, a Consellería ten en execución ou programadas obras de ampliacións nos colexios Agro do Muíño (Ames) ou As Mirandas (Ares) e nos institutos Pedras Rubias (Salceda de Caselas), Antón Losada Diéguez (A Estrada), Ferro Couselo (Ourense) ou Aquis Celenis (Caldas de Reis). A eles súmanse os centros de nova construción previstos: o colexio do Milladoiro en Ames e o instituto de Navia en Vigo.
Ademais, co fin de atender as necesidades académicas do alumnado e garantir a calidade do ensino, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades dotará as aulas con todo o profesorado necesario, que se reforzará con respecto ao pasado curso.
Cómpre lembrar que as rateos establecidas pola normativa estatal para Infantil e Primaria son de 25 alumnos por aula, e en Galicia, o 70 % das aulas destas etapas teñen 20 alumnos ou menos (e destas, o 30 % teñen 10 ou menos alumnos). A isto engádese que a Comunidade se mantén nos postos de cabeza en rateo alumno/profesor, cunha media de 9,8 estudantes por cada docente fronte á media nacional de 11,4 en España.
Concertos educativos
Doutra banda, Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades pola que se aproban os concertos de Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Educación Especial e de Formación Profesional. Esta renovación faise seguindo a legalidade vixente.
Do total do orzamento, case o 90 % está destinado a abonar as retribucións do persoal docente e do persoal complementario nas unidades de Educación Especial.
Conforme á disposición adicional vixésimo quinta da LOE, na súa nova redacción dada pola LOMLOE, os centros que anteriormente podían legalmente diferenciar ao alumnado en función do seu xénero pasan agora a adaptarse ao establecido na normativa estatal. Así, logo de que ditos centros comunicaran a aceptación desta modificación legal na súa petición de renovación de concerto, o proceso de admisión de aplicación é o mesmo que no resto do ensino galego. Dese xeito, calquera familia pode solicitar praza neles, pois desaparece esta tipoloxía de centros na Comunidade e todos son de matrícula mixta.