O delegado territorial destaca a importancia dos deportes marítimos en Galicia na presentación da LV Regata de San Roque en Vilagarcía

Agustín Reguera agradeceu a gran labor do Real Club de Regatas de Galicia e lembrou que a Xunta sempre está disposta a colaborar na promoción do deporte

A regata terá lugar os días 19 e 20 deste mes e atraerá a decenas de deportistas
 

Vilagarcía de Arousa, 17 de agosto de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, acudiu hoxe á presentación da LV Regata de San Roque de Clase Snipe. O acto, que tivo lugar na Sede do Real Club de Regatas de Galicia, en Vilagarcía, serviu como arranque para as probas que se realizarán durante os días 19 e 20 deste mes.

Acompañado polos responsables da regata, o delegado destacou “o gran labor levado a cabo” polo Real Club de Regatas de Galicia que “leva tantos anos poñendo á nosa comunidade autónoma no mapa internacional deste deporte”. Ademais, Reguera lembrou que “nun territorio onde o mar ten tanta importancia, este tipo de probas deportivas son unha ferramenta fantástica para dar a coñecer a nosa costa”.

O presidente do Real Club de Regatas de Galicia, Wenceslao González-Garra aproveitou a súa intervención para poñer en valor a figura do empresario Ramiro Carregal Rey, “sen o cal esta proba non sería posible”. González-Garra destacou que esta é a XI edición que conta co patrocinio desta importante personalidade vilagarciá. Ademais, agradeceu a presenza e apoio das distintas institucións representadas no acto, dende o propio delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, ata o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; o capitán marítimo de Arousa, Juan Andrés Pérez; ou o concelleiro de deportes, Carlos Coira.

Durante os próximos días, sobre dezaoito embarcacións e corenta deportistas participarán nesta histórica proba que xa ten máis de medio século de antigüidade e que representa o acontecemento máis importante do ano para este histórico club.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/08/2023