Agustín Reguera destaca a calidade dos peixes e mariscos galegos na visita á foodtruck de 'GALICIA SABE AMAR' en Vilagarcía

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitou hoxe a iniciativa promocional da Consellería do Mar na Alameda de Vilagarcía, onde se porán en valor os nosos peixes e mariscos ata o vindeiro sábado en quendas de mañá e tarde

Esta iniciativa itinerante percorrerá 260 concellos de toda España vencellados ao Camiño de Santiago cunha poboación de máis de 13 millóns de habitantes para poñer en valor a calidade e frescura dos nosos produtos do mar a través de 1.000 degustacións e 200.000 pinchos

Vilagarcía, 17 de agosto de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, aproveitou a súa visita a Vilagarcía para achegarse ao foodtruck da iniciativa GALICIA SABE AMAR e lembrou a gran calidade dos peixes e mariscos galegos.

O representante autonómico pasou este mediodía por esta iniciativa itinerante, impulsada pola Consellería do Mar para publicitar os nosos produtos mariñeiros, marisqueiros e pesqueiros. Unha foodtruck que leva varios meses percorrendo varios puntos da xeografía española cos mellores sabores galegos e que dende hoxe e ata o sábado estará aberta ao público na Alameda de Vilagarcía, ao lado do coñecido kiosko de xeados da zona. 

O delegado territorial quixo destacar “o gran homenaxe que supón está iniciativa para os traballadores e traballadoras do mar, pero tamén para as millares de persoas que traballan en outros chanzos da cadea e que son imprescindibles para que o mar galego siga sendo sinónimo de calidade e sabor”. Ademais, lembrou que “son este tipo de iniciativas que cruzan os nosos límites xeográficos as que nos permiten mellorar a nosa fama gastronómica no resto do país. Aquí estamos habituados porque, sobre todo no verán, cada día celebramos unha festa gastronómica, pero temos que seguir traballando dende as institucións para que os nosos produtos e os nosos profesionais teñan o recoñecemento que se merecen tamén fora de Galicia”.

A iniciativa itinerante GALICIA SABE AMAR leva meses en ruta e seguirá desenvolvéndose ata chegar a 260 concellos de toda España vencellados ao Camiño de Santiago e cunha poboación de máis de 13 millóns de habitantes tras percorrer preto de 6.500 quilómetros con catro foodtrucks.

A través da mesma, ofreceranse ata 1.000 degustacións e repartiranse gratuitamente 200.000 pinchos elaborados con produtos certificados do mar e da terra da nosa comunidade con dez receitas distintas que permitirán gozar da calidade e dunha alimentación sa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/08/2023